Os participantes do YOUNG LAB insisten na necesidade de potenciar encontros e espazos que den voz real á mocidade

A través deste proxecto conxunto entre Lugo, Portugal e Italia, a entidade local quere crear un espazo de encontro que perdure no tempo e que permita atopar solucións compartidas a temas de interese municipal

Xoves, 05 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os mozos e mozas procedentes de ensino secundario, bacharelato, ciclos de formación profesional e universidade de España, Portugal e Italia que participaron ao longo do día de onte e de hoxe no Salón de Plenos na primeira fase da iniciativa YOUNG LAB, un proxecto financiado no marco do programa europeo Erasmus+, insistiron durante as xornadas, ás que asistiron diversos representantes políticos, na necesidade de potenciar encontros e espazos deste tipo que den voz real á mocidade.

Os temas que se trataron neste primeiro laboratorio de ideas, introducidos por expertos na materia,  foron a preparación dos mozos para o emprego, a súa actitude cara a busca de emprego, as redes sociais e o emprego, a muller moza fronte ao emprego e a preparación dunha entrevista de traballo, así como a mobilidade europea.

Os participantes puxeron de manifesto, tras o remate das xornadas, a necesidade de revisar o sistema educativo para concienciar aos rapaces e rapazas sobre a formación ao longo da súa vida, en buscar alternativas tendo en conta as súas competencias, en fomentar as distintas actitudes e en promover o traballo cooperativo, así como en incentivar as prácticas no período estudiantil. Ademais destacaron a importancia dunha orientación personalizada nos centros educativos, así como do autocoñemento á hora de buscar emprego. A modo de conclusión, este primeiro encontro tamén arroxou a importancia de adaptarse ao contexto actual, a intentar conseguir máis implicación das empresas na formación, ao uso das redes sociais como ferramenta de busca de emprego e a intentar eliminar clichés en relación coa discriminación laboral.

YOUNG LAB é unha iniciativa conxunta entre o Concello de Lugo, o municipio de Tábua e a organización Rete Educare ai Dirittti Umani de Italia para fomentar a participación activa dos mozos na construción democrática a nivel local, promovendo a súa consciencia cidadá a través das busca de solucións conxuntas para o desemprego xuvenil. Este proxecto está subvencionado ao 100% pola Unión Europea e é a primeira vez que o Concello executa unha iniciativa destas características. A través deste proxecto, a entidade local quere crear un espazo de encontro, de diálogo e de participación que perdure no tempo e que permita atopar solucións compartidas a temas de interese local.

Fases

Tras esta primeira fase, os mozos achegaranse a Coímbra os días 19 e 20 de maio, para realizar unha recomendación común sobre o emprego xuvenil, e logo a  Florencia, o 16 e 17 de xuño, para elaborar un documento final que idee fórmulas para que empreguen as institucións e organización participantes e combater o desemprego xuvenil. Por último, regresarán a Lugo, o 30 de xuño e 1 de xullo.

Noticias relacionadas