O programa +Xtí, impulsado por Xuventude, leva á Praza de Ferrol o seu I Torneo 3x3 en colaboración coa Fundación Breogán

A actividade de balde, que se desenvolverá o 13 de xullo, está dirixida a mozos e mozas das categorías cadete, júnior e sénior, que poderán participar en modalidade masculina, feminina e mixta.

As inscricións están abertas a través do código QR dispoñible no cartel promocional ou chamando ao teléfono 982 231 050 en horario de 09:00 a 14:00 horas.

“Esta competición permítenos destacar a Praza do Ferrol, un espazo que queremos consolidar como o corazón verde da nosa cidade, promovendo tamén o seu uso para actividades de lecer e deportivas”, destaca o concelleiro Jorge Bustos.

Mércores, 03 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O programa +Xtí, impulsado por Xuventude, leva á Praza de Ferrol o seu I Torneo 3x3 en colaboración coa Fundación Breogán

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Xuventude e Deportes,  organiza o I Torneo 3x3 +Xtí de Baloncesto coa colaboración da Fundación Breogán. A competición, que terá lugar o sábado 13 de xullo na Praza do Ferrol, está dirixida a mozos e mozas das categorías cadete, júnior e sénior, nas modalidades masculina, feminina e mixta. O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, pon en valor a localización da actividade, “que nos permite destacar a Praza do Ferrol, un espazo que queremos consolidar como o corazón verde da nosa cidade, promovendo tamén o seu uso para actividades de lecer e deportivas”.

A iniciativa +Xtí, impulsada polo Concello de Lugo coa subvención do Plan Nacional sobre Drogas, exemplifica o compromiso do Goberno Local coa concienciación e a extensión da cultura do rexeitamento do consumo de drogas. Este tipo de actividades buscan afastar á mocidade de condutas potencialmente aditivas, ofrecendo alternativas saudables e de lecer. O torneo de baloncesto 3x3 é unha das múltiples propostas que se levarán a cabo ao longo do mes de xullo, fomentando a participación e implicación dos mozos e mozas en iniciativas que favorezan o seu desenvolvemento persoal e social. “O noso obxectivo é ofrecer á xuventude de Lugo actividades que fomenten hábitos de vida saudables e que ao mesmo tempo lles permitan gozar do seu tempo libre de maneira activa e divertida”, explica o concelleiro Jorge Bustos.

O marco da Praza de Ferrol, recentemente peonalizada, será o escenario deste emocionante evento deportivo no que tamén se destacará importancia deste espazo como lugar de convivencia interxeracional e centro de actividades de lecer. Durante o torneo, haberá diferentes atractivos para os participantes e asistentes, incluíndo mochilas de agasallo, arbitraxes a cargo de colexiados da FEGABA,  e trofeos para os equipos gañadores. As inscricións están abertas a través do código QR dispoñible no cartel promocional ou chamando ao teléfono 982 231 050 en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Noticias relacionadas