O luns péchase o prazo para facer propostas ó programa Lugo Opina Orzamentos Participativos

O Concello xa recibiu 139 propostas cidadás para investir noutros tantos proxectos

Venres, 13 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Desenvolvemento Local, que dirixe Rosana Rielo, lembra que o vindeiro luns, día 16 de marzo, rematará o prazo para a presentación de propostas ós Orzamentos Participativos.

Ata este venres o Concello recibiu un total de 139 propostas, das que se tramitaron a través da páxina web 121 e as 18 restantes foron entregadas no Rexistro municipal.

As propostas para o proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos (LOOP) poden ser presentadas por veciños tanto a título individual como en representación de asociacións ou colectivos cidadáns.

Os trámites para formular as propostas poden facerse no Rexistro municipal ou ben a través da páxina web do Concello www.lugo.es, accedendo ó apartado de Orzamentos Participativos.

Tamén se pode efectuar calquera consulta a través do teléfono de Atención Cidadá do Concello de Lugo 010 (ou 982 297 350 para as chamadas realizadas dende fóra do noso término municipal)

O proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos dalle a oportunidade a todas as persoas empadroadas no termo municipal de Lugo, ou a calquera asociación inscrita no rexistro de asociacións do Concello de participar na toma de decisións sobre investimentos na cidade a través das súas propostas de mellora.

Cada persoa pode presentar o número de propostas que queira e no número de áreas que lle interese sempre sen pasar dun orzamento de 10.000 euros, e poden ser dende a realización de cursos, talleres, actividades de ocio, deportivos, accións turísticas ou pequenos investimentos e infraestruturas.

As áreas nas que os cidadáns poden facer as propostas son as de benestar social e igualdade, cultura e promoción da lingua, turismo, xuventude, deportes, emprendemento e formación para o emprego, educación, infraestruturas, seguridade viaria, medio rural, participación cidadá e servizos xerais, mercado e comercio, e medio ambiente.

As seguintes fases, unha vez que se peche o prazo de presentación de propostas, consistirán no estudo da súa viabilidade económica e técnica por parte dos servizos municipais e a exposición pública e votación da listaxe de propostas.

+INFO http://loop.lugo.gal

Noticias relacionadas