Actuarase en varios tramos da vía de Paradai mediante a substitución das canalizacións de fibrocemento, nunha obra que terá 5 meses de prazo e un custo de 287.000 euros
Na rúa da zona da Residencia intervirase na marxe dereita da rede de saneamento, cunha actuación que terá un prazo previsto de catro meses e un orzamento de 69.167 euros.
O alcalde sinala que “ambas obras licitaranse na Xunta de Goberno Local do vindeiro mércores, para comezar canto antes e dar resposta ás demandas veciñais”.
- Tema
O Goberno Local levará a cabo obras de mellora da rede de abastecemento e saneamento nas rúas Alexandre Bóveda e Pintor Pacios, respectivamente, unha vez que o vindeiro mércores a Xunta de Goberno Local saque a licitación ditas actuacións, que suporán un investimento de 356.206 euros. Con ambas intervencións, que o alcalde, Miguel Fernández, agarda “comezar de xeito inminente, para substituír as canalizacións de fibrocemento por outras de fundición dúctil de 125 para evitar futuras roturas na rede de abastecemento, mellorar o servizo e dar resposta ás demandas veciñais”.
A obra de maior envergadura será a que se acometa no barrio de Paradai, na rúa Alexandre Bóveda, onde a rotura da rede de fibrocemento esixe a renovación de varios tramos no sistema de abastecemento. Terá un prazo de execución de cinco meses para unhas actuacións que comezarán coa localización das acometidas domiciliarias e a súa reposición e a instalación previa de by-pass para garantir o servizo, mentres duran as obras. Ditos traballos terán un orzamento de algo más de 287.000 euros. A substitución da dotación de servizos de abastecemento levarase a cabo en ambas marxes da vía, desde o número 13 ata a intersección con Juan de Ibarborou, na marxe de números impares, e desde esta rúa á intersección coa vía Pombal, na marxe de números pares.
A actuacións consistirá no levantamento da beirarrúa, a colocación do by-pass para o correcto abastecemento de auga mentres duren as obras e a substitución da canalización de fibrocemento e PVC por outra de fundición dúctil de 125. Ademais, se colocarán novas válvulas de corte e novas bocas de rego e de incendio. En todo momento se manterá o abastecemento de auga potable así como o acceso a portais e garaxes.
Tamén se intervirá no barrio da Residencia, en concreto na rúa Pintor Pacios, na que se acometerá unha obra de saneamento, principalmente na marxe dereita da vía. Terá un prazo de execución de catro meses e conta cun orzamento previsto de 69.167 euros.
Nesta segunda intervención, proxéctanse a renovación do colector de saneamento que discorre pola marxe dereita da rúa, substituíndo a tubaxe de formigón actual por outra de PVC, execución de novos pozos de rexistro, sumidoiros e renovación das acometidas. O novo colector seguirá o trazado do existente, polo que será necesario executar simultaneamente a súa demolición e retirada. Exponse tamén a renovación da rede de abastecemento neste tramo de rúa substituíndo as canalizacións de PVC por unha tubaxe de fundición e a instalación de chaves de paso, bocas de rega, bocas de incendio así como renovación das acometidas domiciliarias. Está prevista a demolición e reposición da totalidade do pavimento das beirarrúa, dado que se verá deteriorado en todo o seu ancho pola instalación das canalizacións, acometidas e conexión de sumidoiros.
Unha vez aprobadas as propostas na Xunta de Goberno Local, os anuncios de licitación para ambas obras publicaranse no perfil do contratante do Concello de Lugo aloxado na Plataforma de Contratación.

