O Goberno avanza na mellora da mobilidade na Ronda da Muralla e A Tinería

A Xunta de Goberno aprobou un proxecto para substituír as lastras da beirarrúa da Ronda, entre Montero Ríos e a Porta da Estación, por baldosas de granito, e pavimentar un tramo do Carril dos Fornos que está en terra

As actuacións, con 60.000€ de orzamento, custearanse con cargo aos fondos da Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) do casco histórico destinados a melloras en espazos públicos

A iniciativa enmárcase no modelo de cidade do Goberno, baseado na mellora da mobilidade, e na recuperación e posta en valor de espazos públicos, neste caso do casco histórico

Mércores, 07 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deu este mércores luz verde a un novo proxecto impulsado polo Executivo para seguir avanzando na mellora da accesibilidade e a mobilidade no casco histórico, e que responde ademais a unha petición de Auxilia no Gabinete de Accesibilidade. Segundo informou a vicevoceira municipal, Carmen Basadre, trátase de dúas actuacións. Por un lado, substituír os actuais lastres da beirarrúa da Ronda a Muralla, no tramo que discorre entre a rúa Montero Ríos e a Porta da Estación, por baldosas de granito, e, por outro, pavimentar con granito unha parte do Carril dos Fornos que está en terra, en concreto, a que se atopa fóra da delimitación das unidades de actuación UI-6 e UI-7, pois neste caso serán urbanizadas cando estas se desenvolvan.

As obras, que requiren un investimento de 60.000€, custearanse con cargo aos fondos da Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) do casco histórico destinados a melloras de espazos públicos. De feito, o proxecto aprobado hoxe na Xunta de Goberno será remitido agora ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a preceptiva autorización por parte deste organismo e así proceder despois por parte do Concello a súa contratación e execución, que terá un prazo de un mes.

A mellora da Ronda da Muralla e o Carril dos Fornos enmárcase no modelo de cidade do Goberno de Lugo, baseado na mellora da mobilidade e na recuperación e posta en valor de espazos públicos, neste caso do casco histórico e o entorno da Muralla, segundo subliñou Basadre.

A esta obra de acondicionamento súmase os traballos iniciados a semana pasado polo Concello para crear un novo espazo público de 1.000m2 no entorno do Cuartel de San Fernando coa derruba da antiga lavandería, e tamén a peonalización e cuberta da rúa Quiroga Ballesteros.

Outros asuntos

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou os pregos de prescricións técnicas e de claúsulas administrativas particulares, así como do gasto e a adxudicación por procedmeneto aberto da contratación dun servizo de reparación, conservación e mantemento integral da mquinaria auxiliar de xardinería existente no servizo municpal de parques e xardíns. O orzamento é de 17.000 euros para a primeira anualidade e a duración do contrato é por un ano, prorrogable por un máis. O prazo de presentación de ofertas, que se debe facer no Rexistro Xeral, é de 15 días naturais dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Entre outros asuntos, tamén se aprobou a a incoación dun expediente para a resolución do contrato coa adxudicataria do subministro de 10.000 tarxetas cidadás para o Concello por incumprimento do contrato, pois non entregou no primeiro mes dende a formalización do mesmo, prazo que rematou o pasado venres, 3 de febreiro, as primeiras 2.500 unidades. Mentres tanto, a Concellería de Concello e Cidadanía, responsable deste servizo, tramitará un contrato menor para o subministro de 1.500 tarxetas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a Ronda da Muralla e A Tinería | Descargar mp3

Noticias relacionadas