O Consello Local de Servizos Sociais creará unha Comisión de Traballo para as asociacións do eido da discapacidade

O obxecto é facilitarlles e apoiar a súa actividade, ademais de favorecer a aplicación de políticas neste senso

Ana Abelleira puxo en coñecemento dos membros deste consello as atencións por servizos na súa área ao longo dos primeiros meses do ano

Luns, 15 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, avanzou este luns, tras a celebración da reunión do Consello Local de Servizos Sociais, que se creará, ao seo deste órgano, unha Comisión de Traballo para as asociacións que desenvolven o seu labor no eido da discapacidade. O obxecto é facilitarlles e apoiar a súa actividade, ademais de favorecer a aplicación de políticas neste senso.

Nesta mesma xuntanza, Ana Abelleira puxo en coñecemento dos membros deste consello as atencións por servizos na súa área, ao longo dos primeiros meses do ano.

En canto aos servizos comunitarios básicos (atención primaria), o número de atencións realizadas dende os centros de convivencia supón unha media de 3.400  atencións ao trimestre. O 65% dos casos atendidos son mulleres e a franxa de idade das persoas demandantes sitúase na entre os 30 e os 64 anos, residentes en zona urbana (80%).A maioría das intervencións lévanse a cabo con persoas usuarias con expediente aberto, o 75%, e ábrese novo expediente nunha porcentaxe do 10%.

No referente ao sector de intervención o sector de persoas maiores representa o 22% do total das intervencións, seguido do das persoas inmigrantes, co 19%, sector familiar co 17,43% e  minorías étnicas o 13,03 %. En relación á demanda /problemática presentada, a insuficiencia de recursos continúa a ser a principal problemática, cunha porcentaxe do 33,15% , e a demanda referente aos maiores (10,64% ).

En relación a emerxencia social municipal,  a Concelleira indicou que o gasto realizado no primeiro semestre do ano, ascende a 113.500 euros, do cal o 71,70 % se destina ao pagamento do aluguer e o 13,62%, ao pago dos gastos vinculados ao mantemento da vivenda, como por exemplo auga ou gas. O  número de persoas beneficiarias deste servizo nos primeiros seis meses deste 2018, ascendeu a 742 .

En canto á tramitación da RISGA, das 1.235 prestacións tramitadas e concedidas na provincia de Lugo, 656 correspóndense ao Concello de Lugo, o cal representa o 53,11 % das tramitacións realizadas e concedidas.

A Concelleira tamén falou sobre o servizo de axuda no fogar, do que se benefician, a 20 de setembro de 2018, 509 persoas, dos cales 226 son de libre concorrencia e 283 tramitados a través de dependencia. O 14% das mulleres atendidas viven soas e no caso dos homes, a porcentaxe representa o 6%. Na maioría dos casos trátase de persoas con dificultade para a mobilidade exterior e o 76% viven na zona urbana. O 48% das persoas beneficiarias, están entre os 80 e os 90 anos.

A edil tamén deu conta dos gastos do de axuda no fogar: tanto no que se refire ao centro de día Antonio Gandoi e ás prazas cocnertadas, e ao servizo de xantar no fogar. Así mesmo, lembrou o programa Caixa Proinfancia, que atende na Milagrosa e Lamas de Prado. En total benefícianse 57 familias, 24 derivadas dos servizos sociais, 16 de centros educativos, 4 de centros de saúde e outras 4 por iniciativa propia.

Na xuntanza, creouse unha Comisión de Traballo para as asociacións que desenvolven o seu labor no ámbito da discapacidade.

Noticias relacionadas