O Goberno local lamenta que o PP só busque a crispación social coa Protectora en vez de sumar apoios ao seu financiamento

As alegacións aos Orzamentos tiveron que ser rexeitadas ao non axústase aos supostos contemplados no artigo 170 da Lei de Facendas Locais.

Pablo Permuy lembrou que a implicación do Goberno local coa Protectora de Animais e o colectivo Michos é total e que ao longo deste exercicio licitarase a redacción do proxecto para converter o antigo matadoiro na nova sede.

O edil recordou que o compromiso da Adminsitarción local co benestar animal reflíctese no financiamento percibido por este dous colectivos nos últimos anos, que desde 2019 supera o millón de euros de fondos municipais.

Luns, 29 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local lamenta que o PP só busque a crispación social coa Protectora en vez de sumar apoios ao seu financiamento

Esta mañá o Concello de Lugo celebrou a súa Comisión Especial de Contas na que se deu traslado da desestimación por parte do órgano de Intervención das alegacións presentadas aos orzamentos municipais para 2024. En total foron cinco as alegacións presentadas, dúas asinadas polos colectivos de representación de traballadores municipais, outras dúas  relacionadas coa Protectora de Animais e unha quinta cursada pola Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras. Todas elas foron tramitadas na súa fase inicial, xa que a Intervención municipal estimou que os alegantes son órganos competentes para iso. Porén, as cinco foron rexeitas polo mesmo departamento xa que ningunha delas se adapta a algún dos tres supostos contemplados no artigo 170 da Lei de Facendas Locais, como así recolle o seu informe oficial.

“É necesario aclarar que non é o Goberno local quen ten a potestade de aceptar ou desestimar estas alegacións, senón que se trata dunha decisión que responde unicamente a criterios técnicos. Este tipo de recurso, en ningún caso, esta deseñado para modificar as partidas orzamentarias, senón para obxectar defectos de forma ou anomalías no proceso de tramitación. Neste sentido, é máis que cuestionable a actitude mantida polo Grupo Municipal Popular, que debendo ser coñecedor da normativa, optou pola desinformación e alentou a varios colectivos da cidade a presentar unhas alegacións cuxo percorrido sería nulo porque non se adaptan á normativa, e todo isto co único obxectivo de desgastar a xestión municipal”, manifestou tras a conclusión da comisión o responsable da área de Xestión Integral de Recursos Internos, Pablo Permuy.

O edil lembrou que a implicación do Goberno local  coa Protectora de Animais e os colectivo Michos reflíctese no financiamento percibido por estes colectivos nos últimos anos, que desde 2019 supera o millón de euros de fondos municipais. “Somos os primeiros interesados en mellorar os estándares de benestar animal no noso municipio. De feito nos últimos anos a achega municipal a estes colectivos duplicouse, pasando de 100.000 a  215.000 euros anuais. Ademais constamos cun proxecto moi ambicioso para dotar á Protectora dunha nova sede. É máis, ao longo deste  exercicio licitaremos a redacción do proxecto técnico para a adaptación do antigo matadoiro, para cuxa execución buscamos neste momento diferentes vías de financiamento, entre elas concorreremos á próxima convocatoria dos fondos Next Generation. Pero estes proxectos non se executan dun día para outro”, anunciou Permuy.

“A saturación da Protectora débese en gran medida a que se trata dunha instalación que está a dar un servizo supramunicipal. Non se trata dunha instalación municipal senón de carácter comarcal, xa que recolle animais que en orixe proveñen dos concellos limítrofes co noso municipio, por iso é necesario que a Xunta participe. Se o Partido Popular de Lugo realmente estivese preocupado pola situación da Protectora tentaría involucrar á Xunta de Galicia nesta causa e buscaría financiamento, posto que o Goberno autonómico non colabora co gran labor que se fai desde este colectivo sustentado con fondos municipais e da Deputación. Con todo, optaron por alentar mobilizacións e desinformar á veciñanza co único obxectivo de lograr un rédito electoral”, concluíu o concelleiro.

Noticias relacionadas