O Concello valida dous estudos de detalle que reverterán na rexeneración do Centro Histórico e na consolidación empresarial

As modificacións do Planeamento posibilitarán a agregación de parcelas para rehabilitar o Hospital de San Miguel e unha ordenación de volumes no polígono de Acea de Olga para a creación dun xeriátrico.

Na sesión acordouse, alén, solicitar a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional e a concesión das Medallas de Ouro do Concello a Darío Xohán Cabana, Auxilia, á Sociedade Filarmónica, á Escola Ramón Falcón e ao Campus Terra.

Xoves, 24 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello valida dous estudos de detalle que reverterán na rexeneración do Centro Histórico e na consolidación empresarial

O Concello de Lugo aprobou este xoves, durante a celebración do Pleno ordinario correspondente á sesión do mes de novembro, dous estudos de detalle para diferentes puntos da cidade que posibilitarán o desenvolvemento de importantes actuacións urbanísticas e empresariais.

Entre eles figura o previsto para o recinto amurallado que permitirá agregar as parcelas número 1 e 2 do rueiro 1513, correspondentes aos terreos que ocupaba o antigo Hospital de San Miguel para propiciar a rehabilitación do inmoble, respectando a súa estrutura xa que se trata do único conxunto medieval desta tipoloxía que se coñece na cidade.

O responsable de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos referiu que o Concello abordou con celeridade todo proceso para que a construción, propiedade da Xunta, puidera ser rexenerada tras anos de abandono. “De feito, logo de requirirlle ao IGVS o 6 de xullo que adaptase o documento, non foi até o 23 de setembro cando a Xunta nolo entregou e, nun mes, o Servizo de Arquitectura o tiña informado favorablemente”, explicou o edil.

Santos Ramos destacou, así mesmo, o calado do outro estudo de detalle autorizado esta mañá que “posibilitará a ordenación de volumes nunha parcela do polígono de Acea de Olga, modificando o Planeamento aprobado en 1997 o que propiciará a creación na capital dun novo xeriátrico de titularidade privada que redundará na oferta asistencial do municipio”, engadiu.

“Estas autorizacións sucédense logo de que, trala respectiva exposición pública dos procedementos, non se presentaran reclamacións nin alegacións ao respecto e o resto de organismos houberan emitido o seu informe sectorial con carácter favorable”, aclarou o concelleiro.

A tramitación obriga agora á publicación do acordo de aprobación definitiva no DOG, no prazo dun mes dende a súa adopción e á remisión dun exemplar dos documentos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento co fin de que os acordos teñan eficacia.

Por outra banda, a Corporación municipal respaldou con unanimidade a proposta da alcaldesa, Lara Méndez, para conceder neste 2022 as Medallas de Ouro do Concello ao escritor Darío Xohán Cabana, á Asociación Auxilia, á Sociedade Filarmónica, á Escola Ramón Falcón e ao Campus Terra.

“Trátase – segundo lembrou a rexedora – da máxima distinción que pode conceder a Institución local a entidades ou á cidadanía coas que se quere recoñecer o importante labor que desempeñan e polo compromiso co municipio que demostran as súas traxectorias como motores da vida social, económica, política e cultural da cidade”.

Igualmente, esta mañá acordouse solicitar á Secretaría de Estado de Turismo - e á Axencia de Turismo de Galicia a emisión do informe perceptivo – a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional pola importancia que a mesma terá para a cidade como eixe turístico, de recreación do noso pasado romano e polos beneficios que podería reportar á festa dito título de carácter exclusivamente honorífico.

Audio

  • O edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, sobre o estudo de detalle do Hospital de San Miguel | Descargar mp3

Noticias relacionadas