O Concello licita a segunda fase da modernización da Praza de Abastos, con 1,6 millóns de orzamento e 6,7 meses de prazo

A Xunta de Goberno aproba o mércores o prego de cláusulas administrativas que rexerán a adxudicación das obras, que mellorarán o aproveitamento da superficie, a accesibilidade e o atractivo das instalacións

Ademais da liberar o espazo central da primeira planta para lograr maior visibilidade do interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito, unha das principais actuacións é a unión da praza co parking soterrado de Santo Domingo

Luns, 10 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello aprobará na Xunta de Goberno deste mércores a saída a licitación da segunda fase das obras de remodelación da Praza de Abastos, unhas actuacións que contan cun orzamento de 1,6 millóns de euros, financiados nun 80% pola Unión Europea a través do Plan URBAN, e cun prazo de execución de 6,7 meses. Así o avanzou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen lembrou que estas actuacións “servirán para modernizar e facer máis atractiva a Praza, o que aumentará a competitividade e posicionamento comercial dos praceiros”. As obras afectarán ao interior do edificio e teñen como obxectivo o mellor aproveitamento da superficie, cunha nova distribución dos usos, e tamén mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a xestión de residuos.

A Xunta de Goberno aprobará o mércores o prego de cláusulas administrativas que rexerá a adxudicación das obras, que será publicado entre o xoves e o venres no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante, en lugo.gal O prazo de presentación das propostas é de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP, polo que o Concello estima que os traballos poderán comezar a finais de setembro. Un dos requisitos que se terá en conta á hora de valorar as propostas é a contratación de persoas desempregadas que recibiron formación a través do Plan URBAN.

Ascensor e montacargas

Tamén se proxecta mellorar a accesibilidade coa instalación dun ascensor e un montacargas para industriais e provedores. Ademais, poñeranse ao día todas as instalacións e sistemas de comunicación, e renovaranse os aseos, ademais de executarse os traballos previstos no estudo de residuos e na auditoría enerxética, que inclúen un cuarto de residuos preparado para a recollida selectiva, e a adaptación da iluminación, illamento externo e climatización, entre outras cuestións.

Outras das actuacións proxectadas son a reordenación de toda a zona de servizos da planta semisoto, a creación dunha zona apta para o mercado de martes e venres, e para a celebración doutro tipo eventos, así como a renovación da cartelería e rotulación do conxunto da Praza e dos postos.

Completa a primeira fase

Con este proxecto complétase a reforma da Praza de Abastos, na que, nunha primeira fase, cun orzamento de preto de 400.000 euros, se cambiou a cuberta do edificio, atendendo á solicitude de priorizar esta actuación feita polos industriais, e no acondicionamento exterior, sobre todo na fachada de Santo Domingo, na que se cambiou a entrada á pranta semisoto.

O edificio da praza de abastos, do ano 1936, é de estilo racionalista e foi deseñado por Eloy Maquieira. Nos anos 90 levouse a cabo unha remodelación das instalacións, que a deixaron no estado actual.

Audio

  • Ana Prieto, concelleira de Economía, sobre a modernización da Praza de Abastos | Descargar mp3

 

Noticias relacionadas