O Concello licita o contrato para impartir a docencia especializada do seu novo plan de emprego

Tras a publicación hoxe do correspondente anuncio no BOP, as ofertas para facerse con este servizo docente poderán presentarse ata o 14 de febreiro

A aplicación e manexo de drons é un dos itinerarios formativos ofertados, xunto a actividades auxiliares en viveiros e xardíns, socorrismo en espazos naturais e instalacións acuáticas, operacións básicas de cociña e de cátering, e dinamización de actividades de tempo libre

Os 105 beneficiarios, menores de 30 anos, recibirán unha parte teórico práctica e outra práctica en empresas do sector do que se trate

Luns, 29 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo iniciou a licitación do contrato para impartir a docencia especializada do seu novo plan de emprego, Empregalia, coa publicación do correspondente anuncio este luns no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Os interesados poderán presentar as súas ofertas para facerse con este servizo docente durante 15 días naturais, esto é, ata o vindeiro 14 de febreiro.

O Goberno dá deste xeito un paso máis para poñer en marcha Empregalia, unha nova iniciativa de inserción laboral, que pon en marcha grazas á captación de fondos europeos e que mellorará a través da formación a empregabilidade de 105 mozos e mozas menores de 30 anos de idade, inscritos no Programa Nacional de Garantía Xuvenil. Deste xeito, todas as persoas interesadas en participar na iniciativa, deben inscribirse no devandito programa.

O novo plan de emprego municipal, cun orzamento total de 600.000€, dos que o Fondo Social Europeo achega o 91,8% e o Concello o 8,2%, arranca precisamente coa licitación dos pregos para a contratación da docencia especializada e a elaboración dos itinerarios das 7 accións formativas das que consta a iniciativa, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e xuño. O contrato mediante 7 lotes da docencia especializada de Empregalia, esto é a específica, ten un prezo base de licitación de 205.000€. A este importe, ata completar os 600.000, hai que engadir os custes da docencia da formación transversal, informática, seguros e materiais, así como a realización dunha segunda fase do programa no segundo semestre do ano.

Compromiso co emprego

Este novo plan que pon en marcha o Goberno é froito do “noso compromiso co emprego, ao que, aínda non sendo unha competencia propia, lle dedicamos moito esforzo e investimento, tal e como demostra a consignación de 3M€ no Orzamento que presentamos para este 2018”, recalcou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. O programa débese á consecución de axudas á inserción laboral convocadas o pasado ano polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, ás que o Concello de Lugo concorreu cunha candidatura denominada Empregalia.

A iniciativa, baseada na formación, “ten como obxectivo fundamental proporcionar aos mozos e mozas de Lugo os coñecementos, destrezas e instrumentos que melloren a súa empregabilidade e lles faciliten o acceso ao mercado laboral ou o desenvolvemento de proxectos de emprendemento, todo elo, a través dun conxunto de accións de información, orientación, formación e fomento do emprego”, explicou Prieto.

Co fin de garantir as máximas cotas de inserción no mercado de traballo dos 105 mozos participantes, o Concello elaborou un proxecto con itinerarios formativos nos sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio, como son a tecnoloxía, turismo e lecer, e saúde e benestar. Así mesmo, para a elaboración da proposta e a elección das accións formativas contouse con asociacións de persoas discapacitadas e organizacións sen ánimo de lucro, pois perséguese tamén que as persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego teñan a oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade.

Accións formativas

Deste xeito, o plan de inserción laboral ofrecerá  7 accións formativas, con 15 participantes por cada unha delas. Son as seguintes:

  • Aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons. Con este curso, o alumnado terá acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
  • Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería
  • Socorrismo en espazos acuáticos naturais
  • Socorrismo en instalacións acuáticas
  • Operacións básicas de cociña
  • Operacións básicas de cátering
  • Dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil

Todas estas accións formativas teñen unha parte teórico práctica e unha parte práctica en empresas do sector do que se trate.

Xunto á formación específica de cada especialidade, os participantes recibirán formación adicional de carácter xeral en informática, inglés básico, habilidades sociais e fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Durante todo o proceso, as persoas participantes recibirán acompañamento personalizado a través de titorías individualizadas, orientación e intermediación laboral e axuda na busca activa de emprego. 

Noticias relacionadas