O concello de Lugo será, este ano, a sede da acción galega contra a violencia de xénero

A alcaldesa, Lara Méndez, insta a toda a cidadanía a participar na campaña Lugo en Negro “para lanzar unha mensaxe forte e definitiva contra este tipo de violencia”

A edil Ana Abelleira avanzaba hoxe a programación organizada dende a Casa da Muller na que se inclúe a celebración do Festival Invisibles 2019 e unha xornada relacionada coa vida de Clara Schumann

Venres, 15 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O concello de Lugo será, este ano, a sede da acción galega contra a violencia de xénero

Lugo será, este ano, a sede da acción de toda Galicia da campaña Concellos en Negro contra a Violencia.

A alcaldesa, Lara Méndez, e a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, presentaban esta mañá os actos organizados para conmemorar o 25 de novembro, “unha data e unha programación na que queremos que toda a cidadanía se implique”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez destacou que o feito de que a capital sexa o epicentro galego do 25N implicará un gran impacto e un maior protagonismo autonómico “que cómpre aproveitar para lanzar unha mensaxe unánime que consiga sensibilizar a toda a poboación mostrando a nosa condena máis profunda contra este tipo de violencia e máis – lembrou – cando somos o único Concello de toda España cunha marca propia, MULLERES CON FORZA, baseada na fortaleza da Muralla Romana como símbolo de empoderamento feminino”.

No que vai de ano 51 mulleres foron asasinadas en España, segundo datos oficiais

Segundo datos oficiais, máis de medio cento de mulleres foron asasinadas en España no que vai de 2019. Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento ás agresións machistas, a área de Cohesión Social retoma a campaña de sensibilización “Lugo, en Negro”.

“Unha medida – explicou a rexedora – que queremos facer extensiva á Deputación Provincial, ás asociacións, aos clubes deportivos, a colexios e institutos, á hostalería e ao comercio así como a outros colectivos e servizos públicos. En total, preto de 250 axentes sociais do municipio que, entre o 18 e o 28 deste mes, se converterán en embaixadores da iniciativa coa que lles propoñemos enloitar as súas tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, vehículos, etc, de xeito simultáneo con outras vilas galegas baixo o lema Concellos en Negro contra a Violencia”.

“Trátase de rexeitar coa maior contundencia posible, e dunha vez por todas, os ataques machistas e de denuncialos como un problema público, de todas e de todos. Por iso pedimos unha resposta forte, contundente, que acabe con esta forma de terrorismo, con esta lacra social que debemos combater con firmeza ata acadar que non haxa ningunha persoa que pense que as mulleres, polo feito de selo, carecemos de dereitos, de liberdade ou de capacidade de decisión”, referiu Lara Méndez.

“Por iso, dende o 18 ao 28 de novembro, Lugo tinguirase de negro, por tódalas mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte por asasinato. Tomemos as rúas da cidade, fagamos que sexan un gran escaparate para reivindicar que queremos un concello e un país libre de violencia”, convidou a alcaldesa.

Pola súa parte, Ana Abelleira trasladou cales serán as actividades organizadas pola Casa da Muller durante eses días.

“Co fin de facer visible a preocupación e o rexeitamento absoluto pola violencia contra as mulleres, unha das violacións de dereitos humanos máis habituais e silenciadas na nosa sociedade, a Casa da Muller da Área de Cohesión Social traballa ao longo do ano en prol da igualdade mais, durante o mes de novembro, temos previsto unha serie de actos para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero, dirixidos a toda a cidadanía co fin de sensibilizar nesta materia”, subliñou.

“Así, o próximo xoves, día 21, teremos unha sesión de cine, ás oito da tarde, no Salón de actos do Vello Cárcere, no que se proxectarán as curtas Suc de Síndria e 16 de decembro, dando paso a continuación a un coloquio coa participación de Tonina Gay do Club Cultural Valle Inclán e con Belén Regueiro, técnica municipal. E tanto nesa xornada, como na seguinte, organizaremos un taller de customización de roupa con mensaxes feministas e de igualdade na Casa da Xuventude”.

“Xa o domingo, entre as 12 da mañá e as 8 da tarde celebramos o Festival Invisibles 2019, coa creación dun espazo de recoñecemento a todas as mulleres que sufriron e sufren violencia de xénero e desenvolveremos unha Xornada en relación coa vida de Clara Schumann e a súa época, o Romanticismo Alemán, na que terán lugar actuacións periódicas ao longo de todo o evento coa participación de alumnas e alumnos do Conservatorio e Escolas de Música da cidade”, explicou a edil.

“Ademais, contaremos cun espazo infantil no que haberá sesións de contacontos con perspectiva de xénero, un vermut musical, un café tertulia e un buffet - concerto así como unha exposición, libro de visitas dixital e un Photocall co lema Invisibles. E xa o propio luns, 25, celebraremos ás 12:00 horas unhaofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia. Unha concentración ante a árbore da vida, na Praza de Santo Domingo, con lectura dun manifesto e actuación musical e actividade da man do Secretariado Xitano”, indicou Ana Abelleira.

“Unha axenda diversa, repleta de actividades e tamén de significado que, agardamos, resulte atractiva para todos os públicos e que anime á cidadanía a participar e a compartir con nós unha data tan importante e unha causa tan merecedora de mobilización social como é erradicar a violencia contra a muller”, concluíu a concelleira.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a programación do 25N | Descargar mp3
  • A edil Ana Abelleira, sobre a programación do 25N | Descargar mp3

Noticias relacionadas