O Concello de Lugo presenta a programación do +Xti con accións lúdicas, culturais, formativas e deportivas para a mocidade

O edil responsable, Mauricio Repetto, destaca a importancia do programa con propostas alternativas para loitar contra a drogodependencia e adquirir hábitos de vida saudable.

Entre as propostas destaca Lugo Sport, para promover a práctica deportiva, e Lugo Mola, que incentiva á intervención da xuventude na mellora dos espazos públicos que utilizan.

As datas das actividades, que se desenvolverán de xaneiro a xullo, publicaranse na plataforma https://www.lugomasxti.org/ , así como nas redes sociais municipais.

Mércores, 28 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo presenta a programación do +Xti con accións lúdicas, culturais, formativas e deportivas para a mocidade

O Goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Xuventude, dirixida por Mauricio Repetto, activará en xaneiro a programación do programa +Xti, que inclúe actividades de ocio, formación e sensibilización como accións de prevención contra a drogodependencia dirixidas á mocidade e que se desenvolverán ata o mes de xullo.

O programa, dependente do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, inclúe accións que en edicións pasadas foron moi demandadas, como as sesións formativas pensadas principalmente para axudar ás persoas en paro ou con traballos moi precarios, cursos de condución segura ou iniciativas culturais.

Pero tamén inclúe propostas máis novidosas, como Lugo Mola, co que se pretende “embelecer diferentes zonas de encontro da mocidade, facéndoos partícipes desa transformación a través de diferentes intervencións, fomentando a aprendizaxe de técnicas relacionadas coas artes plásticas e outras disciplinas que melloran a nosa cidade”, segundo explica Repetto, e Lugo Sport.

Esta última - sostén o concelleiro- busca “impulsar a práctica deportiva das e dos lucenses máis novos nas dotacións municipais así como potenciar o uso dos recursos naturais co propósito de fomentar hábitos de vida saudables”.

Da programación, iniciáronse xa os plans de apoio escolar, que repercuten nos máis cativos e nas súas familias, onde se traballa coa comunidade educativa de Lamas de Prado para combinar esta actividade, con educación en valores, hábitos saudables e habilidades sociais nos momentos de descanso.

Do resto de accións, os prazos se irán publicando na plataforma de ‘Lugo+Xti’ (https://www.lugomasxti.org/), así como nas redes sociais da área de Xuventude e na web do Concello de Lugo.

A programación desenvólvese cunha subvención do Ministerio de Sanidade, por importe de 173.848 euros, a través do Plan Nacional sobre Drogas.  

Programación

Actividades Formativas:

Especialízate. Dirixida á cidadanía de entre 20 e 49 anos en situación desemprego, oferta formación para mellorar a súa empregabilidade.

Inclusión e oportunidades. Dirixidas a mozos e mozas de entre 15 e 20 anos en risco de exclusión social, traballa en torno a varios bloques: educación emocional e afectiva, habilidades sociais, conciencia crítica e a creatividade.

Lugo Car-Bar. Programa no que se convidará a participar a todas as autoescolas de Lugo para sensibilizar aos condutores noveis acerca dos riscos de conducir xa sexa baixo os efectos de substancias tóxicas, como baixo a distracción causada por calquera tipo de dispositivo móbil.

Actividades Deportivas:

Sábados +Xti. Obradoiros que se organizan todos os sábados na Casa da Xuventude, que inclúen actividades deportivas combinadas con artísticas e musicais.  

Ceo, Terra, Auga. Inclúen cursos de condución segura, copilotaxe, condución de 4x4 e mecánica de competición, xornadas de multiaventura e deportes de auga nos meses de verán.

Actividades Lúdicas:

Desconecta Sen, 0,0 Son actividades que esixen sinerxias entre os corpos de seguridade, as autoescolas e os hostaleiros co fin de reducir os riscos asociados ao consumo nocturno.

Ocio Nocturno.Levaranse a cabo actividades relacionadas coa música como batallas de galos, concertos, cursos de Dj, monólogos ou actuacións de artistas locais..

Actividades Culturais:

Lugo Intercultural Busca dar a coñecer, aceptar e respectar as culturas dos inmigrantes, polo que se desenvolverán xornadas lúdico, artísticas e gastronómicas sobre culturas diferentes.

Con Responsabilidade. Destinado á venda responsable na hostalería e ao consumo moderado.

Formación e Lecer É un programa para o tempo de lecer saudable e formativo.

 

Noticias relacionadas