O Concello de Lugo e a Deputación Provincial presentan o programa de obradoiros sobre o Arde Lucus para os colexios da cidade

Venres, 29 de maio de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, presentaron os talleres nos que participarán diferentes colexios da cidade co obxectivo de fomentar a participación no Arde Lucus MMIX.

A Concelleira explicou que serán máis de 500 os participantes nos obradoiros de para a elaboración de vestiario e complementos ambientados na época romana, organizados pola Concellería de Xuventude, contando coa colaboración da Deputación Provincial través do INLUDES. Tamén terá lugar como complemento aos dous anteriores un obradoiro con carácter formativo sobre o Lugo romano no que se afondará, en horario lectivo, na cultura romana dando un repaso a historia da cidade. “Aproveitando estes obradoiros e a través do Arde Lucus, preténdese achegar aos nenos e nenas, mozos e mozas á historia e tradición cultural de Lugo. Que se familiaricen coa estrutura social, as costumes, vestimentas e xogos da época romana”.

A intención é, en coordinación coas ANPAS, desenvolver unha serie de obradoiros que permitan unha participación máis activa da comunidade escolar nesta festa, moi vinculada ao tempo de lecer para toda a familia. Nesta ocasión os centros educativos que participarán nos talleres e, durante a celebración do Arde Lucus no desfile, serán: o Colexio de Paradai, o Colexio Cervantes, o Colexio Luis Pimentel, o Manuel Mallo Mallo de Nadela, e o Divino Maestro.

A Vicepresidenta da Deputación explicou que “o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación colabora este ano por primeira vez co Concello de Lugo para a celebración do Arde Lucus. O CENTRAD era o gran descoñecido da Deputación, ó igual que o INLUDES. Grazas a colaboracións como a do Arde Lucus e ás obras que estamos a levar a cabo no Fogar de Santa María abrimos estes centros dependentes da Deputación á cidade de Lugo. Non hai máis que ver como quedou o INLUDES coa retirada do muro ou mesmo a Deputación coa eliminiacións das árbores. O noso obxectivo é que os veciños coñezan as nosas instatalacións e o que facemos”.

No caso da celebración do Arde Lucus, leváronse a cabo contactos con colexios e asociacións de pais de Lugo para que os alumnos poidan confeccionar os seus traxes nos talleres do CENTRAD. A Deputación porá a disposición dos escolares preto de 1.000 metros de tela de 8 colores, así como distintos materiais para elaborar os complementos.

Asesorados polos monitores do Concello, os alumnos fabricarán o traxe de muller e de home celta. Ademais, para a confección dos traxes a Deputación Provincial cedeu 32 dos vellos cortinóns de dependencias provinciais como do Salón de Plenos, que segundo os informes dos técnicos as cortinas eran material desechable. “Deste xeito, e tendo en conta os tempos que corren, quixemos aproveitalo para o Arde Lucus antes de tiralo”, explicou a Vicepresidenta.

Os talleres estarán formados por grupos de 20 nenos e impartiranse nunha sala do pavillón de administración do Centro de Artesanía e Deseño. Os obradoiros rematarán o xoves 25 de xuño. Haberá tres turnos de hora e media cada un: ás 16:30 horas, 18:00 horas e 19:30 horas.

No caso do traxe de muller celta, os alumnos poderán completar a vestimenta con bolsos, coleteiros, cinturóns, diademas, collares, pulseiras, torques para o pescozo, distintos tipos de pendentes, etc.

No caso dos homes, poderán facer ademais cinturóns, muñequeiras, calzado, cascos ou arandelas para apliques sobre o ombreiro.

Noticias relacionadas