O Concello de Lugo comeza a fase de elaboración final do IV Plan de Igualdade unha vez finalizado o proceso de diagnóstico

A concelleira de Muller, Ana González Abelleira, avanza que o traballo xa desenvolvido se está a realizar coa maior participación de colectivos, axentes e persoal municipal.

Lembra que será a folla de ruta “do Goberno de Lara Méndez para seguir traballando por unha cidade feminista e cun modelo de convivencia en igualdade”.

Mércores, 17 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo comeza a fase de elaboración final do IV Plan de Igualdade unha vez finalizado o proceso de diagnóstico

Á área da Muller do Concello de Lugo leva meses traballando no IV Plan de Igualdade de Oportunidades, que se elabora, sostén a edil responsable, Ana González Abelleira, “coa colaboración de todos os colectivos e axentes da cidade implicados na loita pola igualdade, así como do persoal municipal, porque queremos que sexa un documento transversal, que recolla as máximas aportacións e sexa o máis participativo posible”.

Este plan recollerá as liñas estratéxicas e as novas accións de mellora que implementará o executivo local da alcaldesa Lara Méndez para os vindeiros anos co fin de “seguir traballando por unha cidade respectuosa, feminista e cun modelo de convivencia para vivir en igualdade”, segundo a concelleira.

Son oito as fases de actuación previstas para a elaboración desta folla de ruta, e o equipo que a elabora ultimou xa o diagnóstico (fase quinta), na que colaboraron os representes da Comisión de Transversalidade, creada ao inicio do proceso do deseño e elaboración do plan. Nestes órganos están representantes de asociacións de mulleres e colectivos do eido da igualdade, así como sindicatos, persoal municipal das distintas áreas de Goberno.

Con este diagnóstico de base, o borrador do plan estase a rematar e será presentado, ademáis de á comisión de transversalidade, tamén ao Foro de Igualdade como órgano de participación municipal para a súa aprobación final.

Neste punto, Ana González Abelleira avanzou o “noso agradecemento ao intenso traballo que desenvolveron os traballadores e traballadoras nestes meses, así como a colaboración de todos os colectivos, cun traballo excepcional nunha situación complicada pero que, estamos seguros, reverterá en positivo na sociedade luguesa”.

Unha vez aprobado o IV Plan, a Concellería da Muller seguirá a traballar para que a súa difusión e comunicación entre o persoal do Concello, os axentes implicados e a cidadanía en xeral seña eficaz e cumpra os seus obxectivos de concienciación e sensibilización cara unha sociedade cada vez máis feminista e igualitaria . A concelleira lembrou que é “un compromiso do goberno de Lara Méndez co fin de sensibilizar á cidadanía sobre a non discriminación en materia de xénero e entender que a igualdade de oportunidades é unha cuestión de xustiza” . “Ata o momento son moitas as actuacións que levamos a cabo, e só na área da Muller este Concello inviste no ámbito municipal preto de 800.000 euros ao ano, un 60% máis do que inviste a Xunta na provincia”.

Fases e Actuacións:

Para a realización do IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo, as fases e actuacións a desenvolver son as seguintes:

  1. Fase preliminar

1.1. Reunión para a posta en marcha do proceso de deseño e elaboración do IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo
1.2. Creación dunha Comisión de Transversalidade
1.3. Formación en igualdade de xénero da Comisión de Transversalidade

2. Recollida de información para a elaboración do diagnóstico

2.1. Entrevista inicial co persoal do Concello encargado da coordinación do proceso de elaboración do Plan de Igualdade
2.2. Recollida de información a través dunha ferramenta de autodiagnóstico
2.3. Realización dunha entrevista en profundidade
2.4. Realización de cuestionarios
2.5. Realización dun Grupo Focal

3. Procesado e análise da información

4. Elaboración dun borrador de diagnóstico e presentación de resultados

4.1. Elaboración e difusión do borrador do diagnóstico

5. Elaboración do informe definitivo de diagnóstico

6. Elaboración dun borrador de Plan de Igualdade e procedemento de consultas

6.1. Elaboración e difusión do borrador do Plan de Igualdade
6.2. Proceso consultivo

7. Elaboración do documento definitivo do IV Plan de Igualdade de Lugo e dun sistema de seguimento e avaliación

8. Asesoramento para a difusión e comunicación do Plan de Igualdade

8.1. Difusión entre o persoal do Concello
8.2. Difusión entre a cidadanía e axentes clave do municipio

Noticias relacionadas