O Concello consegue 2 obradoiros de emprego que mellorarán a inserción laboral de 31 lucenses no paro

As accións formativas, cun orzamento conxunto de 360.000€, arrancarán a finais de setembro, segundo avanzou a Concelleira de Economía

O TIC Arqueolóxico está encamiñado a impulsar o Vello Cárcere e o Lugo Cóidate, á formación no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos

Estas novos programas de emprego súmanse aos 644.000 euros de fondos europeos que esta mesma semana veu de acadar o Goberno local para favorecer a inserción laboral de 150 mozos e mozas

Venres, 28 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo conseguiu dous obradoiros de emprego que mellorarán a inserción laboral de 31 lucenses no paro. Trátase do TIC Arqueolóxico e o Lugo Cóidate, co que saen adiante os dous proxectos presentados pola entidade local á convocatoria de obradoiros da Xunta. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, subliñou que “isto é froito dunha planificación e traballo exhaustivo do Goberno local, que, aínda non tendo competencias en materia de emprego dado que son das administracións autonómica e central, trata de atraer e captar a maior cantidade de investimentos para dinamizar o mercado laboral e crear emprego”. Con preto de 360.000 euros de orzamento, ambas accións formativas arrancarán a finais de setembro, segundo avanzou a edil.

“Esta foi unha moi boa semana para o emprego”, asegurou Prieto, “pois hoxe coñecemos oficialmente a consecución destes obradoiros, e hai tan só uns días soubemos que somos beneficiarios de 644.000 euros de fondos europeos para favorecer a inserción de 150 mozos e mozas a través do programa Empregalia”.

TIC Arqueolóxico

O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.

Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas a impartir atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dun canal cultural.

Lugo Cóidate

En canto ao outro obradoiro que poñerá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, cun importe de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.

O TIC-Arqueolóxico e o Lugo Cóidate súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!, e ao Empregalia, que vén de acadar.

“Utilización partidista das institucións”

A Concelleira de Economía cuestionou a “falta de respecto institucional” e “utilización partidista das institucións” da que de novo fai gala o PP, pois o delegado da Xunta en Lugo, hai unha semana, e o Grupo Municipal, no día de onte, fixeron pública a concesión dos obradoiros ao Concello “antes de que nolo notificasen ao Goberno de maneira oficial, algo que tivo lugar hoxe, aínda que de momento non teñamos a propia resolución”.

Noticias relacionadas