O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, visitou aos participantes e organizadores desta concentración, que por segundo ano consecutivo elixiron as instalacións de Lugo.
O Concello e o Club Motopark colaboran nas tarefas de mantemento e dotación de infraestruturas para desenvolver a actividade, impulsada polo club madrileño 8.14 Army.
As e os pilotos perfeccionan a súa técnica en distintos tramos do circuíto, como preparación para próximos campionatos nacionais, nas categorías de 50, 65 e 85 cc.
- Tema

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, visitou esta mañá o circuíto municipal Jorge Prado, onde estes días se desenvolve o campamento de motocrós do club madrileño 8.14 Army, ao que asisten uns 70 nenas e nenos de ata sete comunidades autónomas, nun campamento que por segundo ano consecutivo elixiu as instalacións lucenses. O edil de Deportes, que asistiu aos adestramentos da mañá, destacou que “iniciativas como esta non só serven para promover o motocrós senón tamén para dar o coñecer a cidade de Lugo e tamén este circuíto municipal, demostrando porque é un dos mellores non só de España senón de fóra do país”.
Neste sentido, o responsable do club de motocrós madrileño 8.14 Army, Julio López, organizador deste campamento explica que “es el segundo año que venimos a Lugo después de estar en otros circuitos nacionales, y éste es un privilegio. Es el mejor circuito que hay en España”. Ademais de adestrar e perfeccionar a súa pilotaxe en distintos treitos do Jorge Prado, este campamento serve á gran maioría dos participantes para prepararse de cara ao Campionato de España de Motocrós Junior, que acollerá este circuíto os vindeiros 20 e 21 de setembro, nas categorías de 50, 65 e 85 centímetros cúbicos, nas que competirán.
Desde o Concello de Lugo colaboran co desenvolvemento deste campamento coa dotacións de infraestruturas, especialmente para a zona de paddock, onde están instaladas gran parte das caravanas nas que viaxan as familias dos participantes, aínda que tamén hai pais e nais que optaron por aloxarse na cidade de Lugo e aproveitar para coñecela.
A outra peza clave na organización desta iniciativa é o club Motopark que encárgase do mantemento do circuíto e de ter a punto outras dotacións para o correcto desenvolvemento deste campamento, que este ano acolle a 70 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os catro e os 13 anos.
Desde o pasado día 8 e ata mañá, último día do campamento, as e os pilotos fan diferentes tramos do circuíto, de acordo ás cilindradas das súas motos. Despois de cinco horas de adestramento, as tardes se dedican a outra serie de actividades, que este ano incluíron desde visitas ao parque de ocio, Lucus Aventur, en Ombreiro a contemplar a choiva de estrelas deste días pasados nunha contorna privilexiada como é parroquia de Teixeiro.



