O alcalde, Miguel Fernández, valora que “o Caudal Fest demostrou que é unha aposta gañadora para Lugo e que hoxe xa é unha cita consolidada”

O festival encheu a cidade durante dous días de música, cultura e convivencia, situando a Lugo como epicentro do verán galego.

A iniciativa, impulsada polo Concello de Lugo nos seus inicios, conta hoxe co respaldo de diferentes administracións, pero segue a ter no Concello o seu principal apoio institucional.

O rexedor destacou que “o Caudal non é só música: é emprego, hoteis completos, hostalaría a pleno rendemento e unha proxección cultural enorme para a cidade”.

Luns, 22 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde, Miguel Fernández, valora que “o Caudal Fest demostrou que é unha aposta gañadora para Lugo e que hoxe xa é unha cita consolidada”

O Concello de Lugo fixo balance este luns da sétima edición do Caudal Fest, celebrada esta fin de semana na contorna do río Miño e no Pazo de Feiras e Congresos, e que reuniu a milleiros de persoas nun ambiente marcado pola diversidade, a música e a convivencia interxeracional.

O alcalde, Miguel Fernández, subliñou que “o Caudal Fest demostrou que é unha aposta gañadora para Lugo e que hoxe xa é unha cita consolidada no calendario cultural e musical do país”. Lembrou que se trata dun proxecto nacido por iniciativa municipal, “unha decisión valente, moi criticada pola oposición no seu momento, pero que co tempo demostrou ser necesaria. Agora vemos como outras administracións se suman, algo que celebramos, pero cómpre recoñecer que sen o impulso do Concello este festival non existiría. E seguimos a ser o seu principal apoio institucional”.

Durante dúas xornadas, artistas como Love of Lesbian, Duncan Dhu, Dani Fernández, Melendi ou Carolina Durante fixeron vibrar ao público, acompañados por bandas emerxentes que completaron un cartel pensado para distintos públicos e xeracións. O funcionamento da organización foi modélico, con servizos ben coordinados e un desenvolvemento sen incidencias, o que permitiu que miles de asistentes desfrutasen dunha experiencia cultural segura e de calidade.

O rexedor puxo en valor o retorno económico e social do evento: “O Caudal non é só música: é emprego, hoteis completos, hostalaría a pleno rendemento, comercio local funcionando e unha proxección cultural enorme para Lugo. É unha ferramenta que nos axuda a desestacionalizar o turismo e que sitúa a nosa cidade no mapa dos grandes festivais do Estado”.

Desde a súa primeira edición en 2018, o Caudal Fest consolidouse como complemento perfecto ás grandes festas de Lugo, como o Arde Lucus ou o San Froilán, converténdose na ponte ideal entre o verán e o outono.

A oitava edición xa ten datas confirmadas: será o 18 e 19 de setembro de 2026, cando Lugo volverá converterse no epicentro musical do noroeste peninsular.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o CaudalFest | Descargar mp3

Noticias relacionadas