As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas e, na quenda de tarde de 16:00 a 20:30 horas, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa e Uxío Novoneyra e na Casa da Música.

A Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, vén de anunciar a publicación, esta mañá, das listaxes de nenos e nenas admitidas no programa Aprende Xogando para as vacacións de verán, correspondente ás tardes dos meses de xullo, agosto e setembro e ás mañás da última semana de xuño, meses de xullo e agosto e primeira de setembro.
Neste trimestre, a diferencia dos anteriores, admitiuse a solicitude por meses independentes, en lugar do trimestre completo, co fin de adaptarse ás vacacións estivais dos pais e das nais.
As listaxes poderanse consultar nas dependencias da Casa da Muller e en cada un dos locais municipais onde se vai desenvolver o programa, é dicir, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa e Uxío Novoneyra, así como na Casa da Música.
Permanecerán expostas ao público cinco días durante os que se poderán efectuar as reclamacións pertinentes.
Nos dous días hábiles seguintes á finalización do prazo de exposición e unha vez atendidas as reclamacións, elaborarase a lista definitiva de admitidas/os que será obxecto de exposición nas dependencias da Casa da Muller e en cada un dos locais municipais onde se desenvolva o programa. No suposto de que non se presenten reclamacións, a lista provisional elévase a definitiva.
O programa Aprende Xogando está orientado a favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal, que beneficia tanto aos cativos e cativas como á unidade de convivencia no seu conxunto; apoiando de xeito especial ás mulleres no seu proceso de participación sociolaboral.
Está dirixido ás crianzas cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos e levaranse a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas e, en quenda de tarde, das 16:00 ás 20:30 horas.