A Mesa da Industrialización impulsada pola alcaldesa de Lugo aposta pola sostibilidade, o sector agroalimentario e forestal e a innovación

A iniciativa, na que Lara Méndez implicou a institucións e colectivos económicos, sociais e políticos, aprobaron os órganos de xestión e coordinación e un borrador de convenio.

Con este proxecto, o executivo reforza a Estratexia Lugo Transforma, coa que o Concello mobilizará 12 millóns en 5 anos parar atraer inversión e crear emprego.

Sábado, 06 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Mesa da Industrialización impulsada pola alcaldesa de Lugo aposta pola sostibilidade, o sector agroalimentario e forestal e a innovación

A Mesa da Diversificación Industrial de Lugo impulsada pola alcaldesa, Lara Méndez, na que se sentan os colectivos económicos, políticos, sociais e institucionais para converter a cidade nun polo de atracción de empresas, centrará os esforzos de captación en sectores que aproveiten as potencialidades intrínsecas do municipio como son o agroalimentario e forestal, a sostibilidade, aliñado co modelo de cidade e incluíndo aspectos económicos, medioambientais e sociais, e a transformación dixital como ferramenta transversal para o desenvolvemento doutros sectores

A Mesa reuniuse onte, coa presenza da concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, e do edil de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, por parte do Concello de Lugo; o xefe territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Lugo, Gustavo Casasola, por parte da Xunta de Galicia, así como a vicerreitora da USC en Lugo, Montserrat Valcárcel; o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, e o directivo da Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras, Ramón Alonso. Tamén estaban presentes técnicos municipal da área de Desenvolvemento Local.

Nesta xuntanza, aprobouse a creación dos órganos de xestión e coordinación do proxecto, co obxectivo de axilizar a toma de decisións, e cuxa estrutura contará con tres niveis, un deles executivo que será complementado por outro de carácter consultivo e para rematar haberá outro de carácter institucional. Así mesmo, tamén se aprobou un borrador de acordo de colaboración.

Esta iniciativa complementa a Estratexia Lugo Transforma, o fondo emprendedor municipal co que o Concello de Lugo mobilizará con recursos propios 12 millóns de euros en cinco anos, a maior contía destinada pola administración local en toda a súa historia para atraer investimentos e novas empresas ao municipio, moi dependente actualmente do sector servizos, un dos que está a sufrir máis as consecuencias da emerxencia económica derivada da pandemia.

A iniciativa porase en marcha no segundo semestre do ano e incluirá catro fases: o contacto con todos os axentes participantes, a organización da mesa para a reindustrialización de Lugo, o deseño de medidas de actuación e a implementación e seguimento.

Lugo Transforma, unha iniciativa pioneira

A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, articulase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco.

Deberán ser proxectos de alto valor engadido tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación, que se caractericen pola súa innovación e por apostar por modelos económicos sostibles e de economía verde, que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver Lugo.

Multimedia

  • A Mesa da Industrialización impulsada pola alcaldesa de Lugo aposta pola sostibilidade, o sector agroalimentario e forestal e a innovación

Noticias relacionadas