A Alcaldesa, Lara Méndez, mantivo un encontro hoxe no CEI Nodus co alumnado dos cursos presenciais do programa formativo ‘Lugo Job’ da área de Desenvolvemento Local.
A estratexia de recuperación económica impulsada pola rexedora inclúe a preparación en traballos que teñen gran demanda, como a Asistencia Sociosanitaria ou dixitalización.
Para facilitar a formación, o Concello habilitou axudas económicas mensuais, correspondentes co 75% do IPREM, e fixou horarios totalmente adaptados a conciliación.
De xeito online, se desenvolven 2.000 accións formativas con 750 inscritos. Ademais, 15 persoas de 5 nacionalidades diferentes, de 27 a 63 anos, aprenden competencias clave.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, mantivo hoxe un encontro co alumnado que se está a formar nos cursos presenciais do programa municipal ‘Lugo Job’, nas dependencias do Centro de Emprendemento e Innovación do Concello.
O Lugo Job é o novo plan de formación gratuíto deseñado polo executivo municipal co obxectivo de axudar a mellorar a empregabilidade dos e das lucenses e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias clave, coñecementos e capacitación.
A iniciativa enmárcase, tal e como lembrou a rexedora, “na estratexia de dinamización e reactivación económica que impulsamos como resposta á crise da pandemia, e aínda que o Concello non ten competencias en formación nin en emprego, decidimos actuar ante a inanición da Xunta porque para nós o benestar da cidadanía pasa tamén por ter oportunidades laborais”.
Actualmente, con este programa se está impartindo desde o CEI Nodus cursos presenciais, con 45 alumnos, e máis de 2.000 accións formativas, con 750 inscritos, ademais de outros obradoiros vinculados a outras liñas de acción.
A alcaldesa tivo ocasión de saudar aos alumnos de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, así como aos de Confección e Publicación de Páxinas Web, que poderán obter o Certificado de Profesionalidade de Nivel 2. Ademais, compartiu momentos coas 15 participantes dos cursos de competencia clave, Matemática, Lingua Castelá e Lingua Galega, entre os que se atopan alumnos colombianos, venezolanos, africanos e paquistanís, ademais de españois, de idades comprendidas entre os 27 e 63 anos.
A formación presencial está dirixida, exclusivamente, a persoas inscritas como demandantes de emprego. A selección dos candidatos realizouse a través do Servizo de Emprego e as persoas seleccionadas están a recibir unha bolsa formativa mensual, que se corresponde co 75% do IPREM. Os cursos que facilitan a obtención do Certificado de Profesionalidade finalizarán entre os meses de maio e xuño, mentres que os de Competencias Clave, cuxa primeira edición rematará entre xaneiro e marzo, terán unha segunda que se desenvolverá entre marzo e xuño.
A rexedora lembrou así mesmo que “esta formación está adaptada ao horario e curso escolar, pois as sesións teñen lugar de 9:15 a 13:15 horas, e durante as datas nas que non hai clases nos centros educativos, como por exemplo no Nadal, Semana Santa, Entroido, etc., tampouco se imparte formación, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar dos e das participantes”.
Formación online
O outro piar no que se sustenta o Lugo Job, posto en marcha pola rexedora, é a formación online a través dunha plataforma de e-learning, á que se pode acceder a través da páxina web www.lugojob.es. A través desta ferramenta, púxose en marcha unha amplísima oferta formativa, que se vai actualizando mensualmente, ofertando ao longo de doce meses cursos relacionados con todas as familias profesionais e as competencias máis demandadas hoxe en día no mercado laboral.
En canto á demanda de accións formativas, a máis solicitada foi Coidados auxiliares de enfermería en residencias de persoas maiores, cun total de 89 inscricións. Neste senso a rexedora explicou que “con este curso buscamos, por un lado, formar de xeito gratuíto a persoas interesadas en desempeñar funcións nos centros de maiores, e que poderán ser contratadas, aínda que carezan de titulación, para cubrir baixas mentres dure a situación de pandemia; e, por outro, dar resposta a necesidade de persoal que existe na actualidade neste ámbito”.
Síguelle o curso de Inglés básico, con 80 solicitudes, e o de Excel avanzado, con 58. No que se refire aos avances e progresos, un 48% dos alumnos xa superaron as probas de avaliación fixadas en cada acción formativa. “É dicir, practicamente a metade das persoas inscritas xa están en disposición de recibir o seu correspondente diploma acreditativo”.
O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Lugo realizou unha prospección do mercado laboral para a selección dos cursos que integrarán a oferta formativa do Lugo Job. Os cursos realizaranse a través dun campus online, unha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, pódese acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil.
A rexedora lembrou así mesmo que “cada unha das accións, incluídas na oferta formativa da plataforma virtual, está titorizada por persoal docente cualificado na materia a impartir”.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os cursos do Lugo Job | Descargar mp3