Lugo recibe ao alumnado universitario

Lara Méndez, Darío Campos, Javier Bueno e Carme Silva recibiron este luns aos alumnos que no vindeiro curso académico cursarán os estudos no campus lugués, máis de 4.000

A Alcaldesa animou aos estudantes a aproveitar e “vivir a cidade”, que ten unha gran oferta deportiva, cultural, de lecer, paisaxística, gastronómica e de coñecemento

Xoves, 15 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo recibe ao alumnado universitario

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, e a vicerreitora de Servizos Universitarios, Carme Silva, recibiron este luns, no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria, ao alumnado universitario que no vindeiro curso académico cursará os seus estudos no campus lugués, máis de 4.000 estudantes, un milleiro de universitarios novos cada ano.

Durante o acto, a rexedora fixo fincapé en Lugo como cidade universitaria. “É impensable un Lugo sen o campus, e un campus sen Lugo”. Nesta liña, a rexedora asegurou que o Concello aproveita as sinerxías e o traballo en común coa USC, que abrangue máis que un centro formativo, xa que tamén é un eixo do desenvolvemento económico e social da cidade. Neste punto, Lara Méndez quixo lembrar o compromiso municipal coa Universidade, a través de proxectos como o Lugo+Biodinámico.

Para finalizar, a Alcaldesa animou aos estudantes a aproveitar e “vivir a cidade”, que ten unha gran oferta deportiva, cultural, de lecer, paisaxística, gastronómica e de coñecementos. Por este motivo, a rexedora pediulle aos alumnos que dean o mellor de si mesmos e que aproveiten os coñecementos que adquiran, que redundarán na sociedade.

Previamente, Méndez, Campos, Bueno e Silva percorreron os stands instalados na facultade, a través da que responsables e persoal dos distintos servizos ofrecían  información sobre actividades e programas que desenvolve a USC. Estiveron presentes a Área de Cultura, a Área de Orientación Laboral, a Biblioteca Intercentros, o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), o Centro de Linguas Modernas, a Oficina de Desenvolvemento Sostible, a Oficina de Igualdade de Xénero, a Oficina de Relacións Externas, o Servizo de Deportes, o Servizo de Normalización Lingüística e o Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu).

Multimedia

  • Lugo recibe ao alumnado universitario

Noticias relacionadas