A Lugo Monumental acada gran participación, con máis de 1.200 inscritos, de cara a súa edición vixésimo primeira do próximo domingo

A carreira popular, organizada polo Concello de Lugo, con saída e meta na praza Horta do Seminario, terá 955 corredores na categoría absoluta cun percorrido de 10 quilómetros.

Luns, 16 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A vixésimo primeira carreira popular Lugo Monumental celebrará este domingo, día 22, unha nova edición con unha moi alta participación, ao xulgar polos máis de 1.200 participantes inscritos, dos que en torno a 955 disputarán a proba na categoría absoluta, para maiores de 16 anos. Son os que se enfrontarán a un circuíto de dez quilómetros polas rúas do centro da cidade, rúas próximas e con volta completa incluída polo adarve da muralla.

A Área de Deportes do Concello de Lugo organiza este evento, dentro da programación de Nadal, en colaboración con outros servizos municipais como Policía Local e Protección Civil e con varias empresas e entidades lucenses. O edil de Deportes, Jorge Bustos, sinala que “dentro do ámbito deportivo é unha carreira moi consolidada, que ademais pon en valor a nosa riqueza patrimonial e histórica, con ese percorrido polo centro da cidade e polo adarve da muralla. Ademais é unha das probas que acada maior participación de cantas se disputan en Galicia e neste sentido, hai que ter en conta que na mesma xornada coincide con outras carreiras populares galegas e, pese a iso, a inscrición foi moi alta”.

A categoría pitufos correrá unha distancia de 200 metros; a sub10-sub12, disputará a carreira nun circuíto de 950 metros; as e os participantes da sub14-sub16 se enfrontarán a unha distancia de 1.200 metros, mentres que as e os deportistas da categoría absoluta, é dicir maiores de 16, se enfrontarán a un percorrido de 10 quilómetros polo centro histórico e polas rúas próximas. Todas as carreiras terán saída e chegada na contorna da praza Horta do Seminario e da avenida Ramón Ferreiro, a partir das 11.00 da mañá e en sucesivas quendas. Haberá servizo de duchas nas pistas de atletismo municipais Gregorio Pérez Rivera (As Pedreiras). Pódese atopar toda a información sobre esta proba na páxina web ccnorte.com

Noticias relacionadas