A alcaldesa asistirá este martes ao Congreso Rebuild para dar conta do calado que terán as actuacións municipais na recuperación económica do concello.
A rexedora manterá un almorzo de traballo co empresariado e a patronal do sector para difundir a Estratexia Lugo Transforma e captar investimentos.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participará este martes, en Madrid, no Congreso Rebuild 2021. Unha iniciativa que aborda a transformación da construción en España e na que a rexedora lucense intervirá para expor, como referente nacional, o modelo de cidade verde que promove o proxecto Life Lugo + Biodinámico e “co que apostamos pola sostibilidade como eixo vertebrador e transversal de todas as políticas locais co obxectivo de acadar que o concello sexa capaz non só de aproveitar os recursos e potencialidades propias para combater o cambio climático, senón tamén de apoiarse nestas mesmas fortalezas para impulsar a recuperación económica do municipio”, sinalou a rexedora.
O Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0 é o maior foro de coñecemento e tendencias do país no que participarán - en cinco auditorios simultáneos diferentes - máis de 260 expertos para amosar os proxectos máis disruptivos e casos de éxito para cada segmento do ámbito da edificación (vivenda, hotel, retail, oficina, sociosanitario e institucional) contando, alén, cunha axenda propia para cada perfil profesional.
Un encontro ao que, entre outros, asistirán, Francisco Martín, Director Xeral de Vivenda e Chan do MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana); José María García, Viceconselleiro de Vivenda e Ordenación do Territorio da Comunidade de Madrid ou a Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera así como diferentes representantes do eido da arquitectura ou a madeira para abordar as repercusións que a súa simbiose ten sobre a descarbonización a través da construción.
Lara Méndez, que tamén asistirá á cerimonia inaugural, estará presente esa mesma xornada nun almorzo de traballoposterior onde dará conta a altos directivos, Conselleiros Delegados e Presidentes de Patronais, construtoras, empresas de industrialización e presidentes de asociacións da Estratexia Lugo Transforma, co obxectivo de difundir o calado do investimento municipal, o maior da historia do Concello de Lugo (12 millóns de euros) e captar o interese do sector para promover a súa participación neste fondo de capital.
“A Estratexia Lugo Transforma nace coa vocación de pular pola diversificación industrial de Lugo, atraer novos negocios e, sobre todo, xerar emprego de calidade, en sectores estratéxicos, de alto impacto social e medio ambiental, vinculados coas señas de identidade e a marca sostible que estamos a asentar para Lugo, dentro e fóra de Galicia, en consonancia co noso modelo de cidade, á vangarda da economía verde e circular, amigable e acolledora pero tamén moderna, innovadora e tecnolóxica pero sobre todo, rendible”, asegurou a alcaldesa.
Lugo foi xa a única cidade galega chamada para acudir ao Senado a explicar, o pasado día 8 de setembro, a súa estratexia de cidade sostible,no marco da xornada ‘As urbes españolas ante o reto da neutralidade climática’.
A presenza do Concello neste tipo de eventos contribúe a incrementar a proxección de Lugo como exemplo nacional e internacional de cidade verde ao tempo que favorece o intercambio de iniciativas, experiencias e sinerxíasentre distintos municipios e administracións á hora de afrontar os desafíos que supón avanzar cara á sustentabilidade urbana e a neutralidade climática.