Lara Méndez firma un convenio con Clece para favorecer a creación de emprego entre os colectivos máis vulnerables

A Alcaldesa de Lugo destaca “o compromiso do Concello polas políticas activas de emprego para as persoas máis desfavorecidas, nun momento especialmente delicado”
 
No municipio lucense concertáronse xa máis de 160 entrevistas co fin de cubrir diferentes postos de limpeza, enfermería e auxiliares de axuda a domicilio, entre outros.

Mércores, 11 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez firma un convenio con Clece para favorecer a creación de emprego entre os colectivos máis vulnerables

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e Alberto Domínguez, delegado de Clece en Galicia, asinaron hoxe un convenio de colaboración para favorecer a creación de emprego na cidade de Lugo.
 
“O proxecto busca desenvolver distintas accións que promovan a inserción laboral de persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos, así como de fomento do emprego e benestar de persoas en situación de vulnerabilidade” explicou a rexedora. Méndez subliñou que “consideramos oportuno subscribir este convenio xa que esta iniciativa supón, así mesmo, unha nova mostra do compromiso do executivo municipal polas políticas activas de emprego, máxime entre os colectivos máis desfavorecidos, nun momento especialmente delicado pola situación que nos tocou vivir estes anos”.
 
A firma tivo lugar no autobús que a empresa instalou este mércores na Horta do Seminario, dentro da campaña ‘Ruta Galicia Emplea’, unha iniciativa cuxo principal obxectivo é a contratación de 280 persoas para cubrir outros tantos postos de traballo. Este parada en Lugo pretende dar a oportunidade de acudir a unha entrevista que dea acceso a un posto de traballo preto do domicilio do traballador, evitando percorrer longas distancias a diario ou ter que cambiar de lugar de residencia.
 
“Clece leva unido a Galicia 30 anos e a día de hoxe xa contamos con máis de 2.400 traballadores prestando múltiples servizos na Comunidade. Neste sentido é importante destacar que o 16% dos nosos traballadores proceden de colectivos desfavorecidos porque nos rexemos por un modelo de xestión social”, explicou Domínguez ao tempo que deu as grazas ao Concello de Lugo, por ser parte activa deste proxecto no que se puxo tanta ilusión e que “esperamos contribúa positivamente ao plan de desenvolvemento da cidade”.
 
O autobús realizará 6 paradas que cubrirán 75 localidades, para entrevistar os candidatos que o soliciten, co fin de cubrir diferentes postos de limpeza, enfermería, auxiliares de axuda a domicilio entre outros. Na cidade de Lugo, en total, concertáronse máis de 160 entrevistas.

Multimedia

  • Lara Méndez firma un convenio con Clece para favorecer a creación de emprego entre os colectivos máis vulnerables
  • Lara Méndez firma un convenio con Clece para favorecer a creación de emprego entre os colectivos máis vulnerables
  • Lara Méndez firma un convenio con Clece para favorecer a creación de emprego entre os colectivos máis vulnerables

Noticias relacionadas