Lara Méndez enxalza o papel da comunidade inmigrante en Lugo ante o novo cónsul xeral da República Arxentina en Vigo

A alcaldesa recibía esta mañá no Concello a Horacio Martín Doval, recentemente incorporado ao cargo, ao que lle ofreceu “a máxima colaboración da Administración local no labor común que mantemos como servizo público”.

Na súa presentación institucional, o diplomático estivo acompañado pola presidenta da Asociación de Inmigrantes Retornados Rioplatenses, Ana María Berciatúa.

Xoves, 17 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza o papel da comunidade inmigrante en Lugo ante o novo cónsul xeral da República Arxentina en Vigo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu hoxe na Casa Consistorial ao novo cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, que se incorporaba ao cargo a inicios deste ano.

A visita de Horacio Martín Doval ao Concello se corresponde coa súa presentación institucional, durante a que estivo acompañado pola presidenta da Asociación de Inmigrantes Retornados Rioplatenses, Ana María Berciatúa.

A rexedora trasladoulle os parabéns polo seu nomeamento e ofreceulle “toda a colaboración da Administración local no labor común que mantemos como sevizo público, entre o que se atopa a atención ao colectivo de galegas e galegos retornados da República Arxentina. Unha comunidade cada vez con maior presenza no municipio e que orixina un importante e moi positivo retorno para a cidade”, sinalou.

Lara Méndez aproveitou o encontro, que tivo lugar no despacho de Alcaldía, para explicarlle ao cónsul xeral o modelo de transformación que está a experimentar a capital da man da estratexia de dinamización económica posta en marcha polo Executivo municipal, “e que pasa pola súa resiliencia fronte ao cambio climático pero tamén por poñer en valor os recursos propios como principal fonte de riqueza e de atractivo empresarial”.

Ademais, a mandataria lucense puxo en valor o patrimonio histórico, cultural e artístico que posúe a cidade ao tempo que convidou a Martín Doval a gozar da xa afamada gastronomía local e o bo facer do pequeno comercio durante a súa estancia en Lugo, na que o diplomático atenderá á poboación arxentina e española que precisa realizar trámites consulares e non pode desprazarse á sede da capital olívica.

Antes de rematar, Lara Méndez entregoulle a Horacio Martín, o libro da Muralla e o pin de prata do Concello “como regalos institucionais de todas e todos os lucenses”.

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza o papel da comunidade inmigrante en Lugo ante o novo cónsul xeral da República Arxentina en Vigo

Noticias relacionadas