Lara Méndez entrega os certificados de profesionalidade a 16 alumnos que se formaron en novas tecnoloxías no CEI municipal

A Alcaldesa de Lugo felicitou aos mozos e mozas pola súa actitude e gañas de adquirir coñecementos, “exemplos do talento que temos en Lugo e que queremos reter”.

O curso enmárcase nas obradoiros que o Concello pon en marcha para axudar a mellorar a empregabilidade da veciñanza, centrados en formación moi demanda polo empresariado.

Martes, 02 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez entrega os certificados de profesionalidade a 16 alumnos que se formaron en novas tecnoloxías no CEI municipal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, entregaron hoxe os certificados de profesionalidade aos 16 mozos e mozas que participaron no obradoiro impulsado polo Concello de Lugo, START IOT 5.0,. certificado que os capacita para traballar no campo das novas tecnoloxías creando tanto páxinas webs como aplicacións.

A rexedora felicitou aos participantes polo esforzo realizado durante o curso. “Cada vez que vin a este obradoiro para coñecer con cada un de vós os avances que faciades, observei unha gran actitude e gañas de adquirir coñecementos, e así trasladáronmo tamén os vosos titores. Sodes un exemplo do talento que temos en Lugo e que queremos reter”, sostivo.

Así mesmo, lles animou a continuar coa formación e trasladoulles as oportunidades de emprego que o Concello estaba creando agora coa estratexia municipal Lugo Transforma, “oportunidades que veñen, como vimos no último Comité de Investimentos, moi vinculadas coa innovación e a tecnoloxía”.

O curso enmárcase nas obradoiros que o Concello pon en marcha para axudar a mellorar a empregabilidade da veciñanza, centrados en formación moi demanda polo empresariado. A duración do START IOT 5.0 foi dun ano, tempo no que as e os participantes cobraron o salario mínimo interprofesional.

A alcaldesa lucense estivo acompañada nesta visita polo delegado da Xunta, Javier Arias. O curso foi financiado en máis do 90% polo Fondo Social Europeo.

Multimedia

  • Lara Méndez entrega os certificados de profesionalidade a 16 alumnos que se formaron en novas tecnoloxías no CEI municipal

Noticias relacionadas