Lara Méndez eloxia o legado de Rafael de Vega como modernizador da sanidade lucense no 86 aniversario do seu axustizamento

O Concello homenaxeou esta tarde ao doutor co descubrimento doutra placa complementaria no seu busto que, mediante un código QR, revela a información máis relevante da súa biografía.

Durante o acto, a alcaldesa congratulouse de que “neste 21 de outubro e tantos anos despois, a aprobación definitiva da Lei da Memoria Democrática chegue para aliviar ás vítimas e ás súas familias coa condena aberta á Ditadura”.

A xornada concluíu coa presentación da novela ‘Sentencia’ que revela o complot urdido contra Vega Barrera para propiciar o seu fusilamento.

Venres, 21 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez eloxia o legado de Rafael de Vega como modernizador da sanidade lucense no 86 aniversario do seu axustizamento

 “O 21 de outubro de 1936 foi un dos días nos que se escribiu unha das páxinas máis negras da historia da cidade de Lugo co fusilamento, practicamente a esta mesma hora, do doutor Rafael de Vega Barrera. 86 anos despois, e lembrando aquela terrible inxustiza, podemos congratularnos de que esta data sexa sinónimo tamén, a partir de agora, da recuperación de parte da dignidade que a Ditadura lle quixo negar a tantas persoas e ás súas familias”.

Con estas verbas, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, daba comezo esta tarde á homenaxe coa que o Concello de Lugo quixo enxalzar a figura de Rafael de Vega, na conmemoración do 86 aniversario da súa morte. Un acto, presidido pola rexedora e ao que tamén asistiron, alén doutros membros da Corporación Municipal, o escritor lucense Paco Martín e os familiares do homenaxeado, entre eles, o seu neto Rafael Pérez de Vega.

“Un home xusto e bondadoso – referiu a alcaldesa – que deixa un importante legado na nosa cidade, como modernizador da sanidade lucense. O médico dos pobres, como así se lle coñecía por atender, con xenerosidade, de forma altruísta, aos seus conveciños. De Vega Barrera foi un dos impulsores e o primeiro director do Hospital de Santa María, obra doutro insigne veciño (Ángel López Pérez), pero tamén a el lle debemos, entre outras moitas cousas, o concepto de vivenda para familias numerosas – os famosos Chalés de Vega - que comezou a agromar na capital cando as edificacións sobrepasaron o ámbito da Muralla”, sinalou a rexedora.

Durante o evento, no que se procedeu a descubrir unha placa conmemorativa que complementa á xa existente no busto do doutor e que revela, mediante un código QR a información máis relevante da súa biografía, Lara Méndez aplaudiu que o pasado 5 de outubro o Senado tivera aprobado, de forma definitiva, a lei de Memoria Democrática, “unha norma, fundamentada nos principios de verdade e xustiza, que reivindica expresamente a transición e os valores democráticos e que condena, por primeira vez, o golpe militar de xullo de 1936 e a Ditadura franquista”.

Esta lei - apoiada por todos os grupos parlamentarios agás PP, VOX, Cs e UPN - declara o 31 de outubro como Día de recordo e homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a Ditadura que “con tanto medo sementaron a inxustiza por toda a xeografía co tráxico resultado de milleiros de exiliados e represaliados, centos de miles de homes e mulleres asasinados, entre eles o  Dr. Rafael de Vega. Por iso hoxe, alén de lembrar e poñer en valor a súa figura podemos dicir con verdadeira satisfacción que estamos a escasos días de poder celebrar, por primeira vez, unha conmemoración oficial que nos permite rememorar a loita polas liberdades e dereitos que chegaron da man da II República”, subliñou Méndez.

Neste sentido, a rexedora sinalou que a Lei de Memoria Democrática “suporá un verdadeiro alivio para as persoas afectadas, conseguindo iniciar un novo camiño en España, ao mesmo nivel  que outras democracias europeas e axustando, así, ao noso país aos principios de dereito internacional”, recoñeceu.

Antes de rematar, Lara Méndez fixo un chamamento “para non deixar caer no esquecemento ás vítimas da Ditadura, manténdoas vivas na lembranza e na nosa historia colectiva”, engadiu.

Durante o encontro houbo tamén momento para recordar ao Gobernador Civil D. Ramón García Núñez, ao practicante Perfecto Abelairas Castro, ao industrial Ángel Pérez López e ao mestre José Ramos López que, “igual que De Vega Barrera foron asasinados tamén este mesmo 21 de outubro ás seis da tarde”, finalizaba Méndez.

A continuación do acto, o escritor asturiano José Francisco Rodil, presentou no Vello Cárcere a novela ‘Sentencia’ que relata o complot urdido en contra de Rafael de Vega para propiciar o seu axustizamento.

Sentencia:

O doutor Rafael de Vega Barreira non é tan coñecido na terra na que naceu, en Zazuar, como en Galicia, exercendo a súa profesión de cirurxián en Lugo. Volve ser o personaxe elixido polo escritor asturiano José Francisco Rodil.

Ao comezo da Guerra Civil, os golpistas encarcerárono e someteron a un xuízo sumarísimo. O fiscal pediu para él a pena de morte e a defensa, a súa libre absolución. A obra penétrase nesta historia e nesta sentenza que non deixou a ninguén indiferente.

Multimedia

  • Lara Méndez eloxia o legado de Rafael de Vega como modernizador da sanidade lucense no 86 aniversario do seu axustizamento
  • Lara Méndez eloxia o legado de Rafael de Vega como modernizador da sanidade lucense no 86 aniversario do seu axustizamento

Noticias relacionadas