Lara Méndez convoca este venres a Comisión de Tráfico para abordar a organización da cidade nas fases da desescalada do confinamento

O encontro ten como obxectivo establecer as principais pautas para facer compatible a seguridade e protección cidadá coa circulación rodada, os desprazamentos peonís e a recuperación progresiva da actividade comercial e hostaleira

A rexedora anunciou tamén que se manteñen as exencións do pago da taxa por ocupación da vía pública para as terrazas e do alugueiro para o empresariado instalado nos viveiros do CEI – Nodus, a Tinería e a Praza de Abastos e o Mercado

Xoves, 07 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convoca este venres a Comisión de Tráfico para abordar a organización da cidade nas fases da desescalada do confinamento

A Comisión de Tráfico do Concello de Lugo, convocada e presidida pola alcaldesa, Lara Méndez, abordará mañá a organización máis axeitada da cidade para facer fronte, coa máxima eficacia, ás distintas fases da desescalada do confinamento.

O encontro, no que, alén da rexedora, estarán presentes os edís responsables de Mobilidade e Infraestruturas, así como persoal técnico e da Policía Local, ten como obxectivo establecer as principais pautas para facer compatible a seguridade cidadá e a súa protección contra o coronavirus coas necesidades de desprazamento tanto peonil como do tráfico rodado.

Ademais, o equipo de traballo avaliará qué medidas se poden adoptar para posibilitar a ampliación das terrazas de hostalaría, que continuarán exentas do pago da taxa por ocupación da vía pública, en función da nova situación, a normativa pola que se rexe a súa instalación pero tamén da configuración urbanística da cidade e dos diferentes ditames que, ao respecto, emita o goberno central.

Lara Méndez lembra que, “continuando coa liña de apoio que o executivo local vén ofrecendo aos distintos sectores produtivos do municipio dende o inicio do Estado de Alarma, o Concello seguirá exonerando do pago do aluguer ás 44 empresas e emprendedores asentados nos viveiros do CEI Nodus e do barrio da Tinería, “co fin de minimizar os danos económicos que a crise sanitaria lles está a ocasionar”. Tampouco os comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal terán que pagar aínda as taxas que viñan abonando pola utilización que fan destas dependencias cos seus postos.

Noticias relacionadas