Alexandre Penas: “continuamos os traballos no barrio que levamos executando desde que chegamos ao goberno”
O concelleiro de Infraestruturas lembrou que “as solicitudes da veciñanza son un piar importante para planificar e as melloras”

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou o barrio das Gándaras, onde no día de hoxe comezaron as actuacións de mellora nas rúas Monte Adairo e Pia Paxaro, nos tramos que non se adecentaran nos pasados meses, xunto coa rúa Volvoreta. Penas informou que “continuamos a realizar os traballos de mellora deste barrio que iniciamos o ano pasado nada máis chegar ao goberno”.
A concellería de Infraestruturas investirá 44.165,73€ para realizar un asfaltado con mestura en quente, cuxos traballos se realizarán durante os vindeiros días. “Desde a Concellería de Infraestruturas tratamos de realizar actuacións periódicas de mantemento nos distintos barrios da cidade para garantir a calidade de vida da veciñanza da contorna”, afirmou Alexandre Penas.
O edil de Infraestruturas agradeceu as solicitudes que as veciñas e veciños transmiten á concellería de Infraestruturas. “As veciñas e veciños son quen coñecen de primeira man as necesidades que precisa a zona”, declarou Alexandre Penas, que engadiu “iso, xunto coas visitas que realizamos aos distintos barrios son os piares da planificación de traballo que realizamos por toda a cidade”.
Audio
- O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre o asfaltados as Gándaras | Descarga mp3