Fitur 2018 acolle o lanzamento do novo volume ds guía turística-gastronómica ... E para comer, Lugo

Mércores, 17 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Fitur 2018 acolle o lanzamento do novo volume ds guía turística-gastronómica ... E para comer, Lugo

A Apehl presentou esta tarde na Feira Internacional de Turismo de Madrid a nova guía da colección …E Para Comer, Lugo, unha das súas iniciativas clave para a promoción da provincia no seu conxunto como destino turístico e gastronómico.

O acto tivo lugar no stand de Galicia en Fitur, onde a Alcaldesa de Lugo, Lara Ménsdez, acompañou ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, xunto ao Deputado de Promoción do Territorio e Turismo, Eduardo Vidal, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

O volume presentado hoxe por Real é xa o décimo primeiro da colección de guías turísticas … E para comer, Lugo e este ano está dedicado aos espazos naturais da provincia e aos amantes do sendeirismo e da boa gastronomía. Baixo o título Lugo, nos vamos de ruta, nesta ocasión recolle unha colección de sendeiros organizados polas 13 comarcas lucenses e achega ao lector aos recantos máis fermosos desta provincia, sen esquecerse de recomendar os produtos máis típicos da zona.

O anuario completo está integrado por 132 páxinas, que se distribúen en tres apartados ben diferenciados. O primeiro deles percorre as rutas máis destacadas dos 67 municipios lucenses, cunha introdución que nos adianta a verdadeira finalidade e filosofía coa que foi creada a guía. Os outros dous capítulos son seccións xa máis habituais, como o álbum dedicado á presenza da Apehl na Vuelta Ciclista a España e o directorio no que se poden atopar por orde alfabética todos os establecementos asociados da provincia de Lugo. Tamén conta cun mapa dos Camiños de Santiago que percorren a provincia por un total de 800 quilómetros de ruta e un índice cos servizos turísticos, transportes, estradas e puntos de información máis destacados.

A publicación ten unha tiraxe de 15.000 exemplares que se distribúen en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á Apehl, así como en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España, ademais de contar coa edición dixital na web  HYPERLINK "http://www.eparacomerlugo.es" www.eparacomerlugo.es.

O presidente da Asociación, tras facer fincapé na importancia de promover a provincia de maneira especializada e conxunta, subliñou de Lugo que “é terra de bos produtos, de pratos exquisitos e de cultura gastronómica difícil de esquecer, por iso a nosa marca … E para comer, Lugo se segue adaptando ano tras ano tan ben aos nosos obxectivos”.

Apoio institucional

Trala intervención de Cheché Real, o delegado de Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, destacou a importancia do turismo gastronómico para Lugo e dos camiños a Santiago de Compostela, manifestando que “temos a provincia máis extensa e con máis rutas de peregrinación. Seguiremos invitando á xente a que se acerque á nosa terra”.

Pola súa banda, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, quen tivo palabras de recoñecemento polos 40 anos de traballo da Apehl, fixo fincapé na gran experiencia que supón para os viaxeiros, que buscan máis que servizos, a gastronomía luguesa. Así mesmo, Méndez enxalzou a cultura do tapeo en Lugo, tan característica na tradición do municipio e da provincia grazas á hostalería, porque "se nos monumentos está reflexada a nosa historia, na nosa mesa refléxase o noso bo facer".

Finalmente, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, indicou as razóns polas que Lugo é un destino atractivo para os paladares máis esixentes e subliñou que “ninguén entendería Lugo sen a súa oferta gastronómica, intimamente ligada co pobo, e non encontraremos mellores propostas para gozar dela que as recollidas nesta guía”.

Ademais tamén estiveron presentes autoridades dos ámbitos local, rexional e nacional, tales como a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carme Basadre; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ou o portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro.

Entre os representantes das asociacións de produtores atopábase Francisco Monasterio, presidente de Avimós. Outras caras coñecidas que visitaron o stand foron o meteorólogo Martín Barreiro e os presentadores José Manuel Parada e Silvia Jato.

Multimedia

  • Fitur 2018 acolle o lanzamento do novo volume ds guía turística-gastronómica ... E para comer, Lugo

Noticias relacionadas