O programa ‘Cultivando Igualdade’ componse de actividades de sensibilización, formación e empoderamento adaptadas ás mulleres que viven nos espazos rurais
As interesadas poderán participar ben nos talleres presenciais o vía ‘on line’

A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude Ana G. Abelleira; o edil de Medio Rural, Miguel Fernández, e a Secretaria de Fademur, Verónica Marcos, ofreceron esta maña unha rolda de prensa para presentar talleres prácticos para afondar na violencia de xénero no rural.
A edil de Muller e Igualdade agradeceu á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais a súa implicación na iniciativa e destacou que “evidentemente, se queremos acabar con esta gran lacra debemos implicarnos todos, dende a cidadanía ás asociacións, entidades e institucións”.
Ana González Abelleira sostivo tamén que debemos “pór en valor o papel que xogan as mulleres no rural e incentivar a reflexión para preguntarnos porqué as cousas son de certas formas e como poderían ser distintas para as mulleres e, polo tanto, para toda a sociedade”. Lembrou tamén que Lugo conta coa marca ‘Mulleres con Forza’, “da que nos debemos sentir orgullosos todos os e as lucenses xa que somos a única cidade de España que contamos cunha marca de cidade que nos identifica como Lugo Feminista e como Lugo que defende que non só non se deben dar pasos atrás nos dereitos adquiridos, senón que hai que seguir avanzando”, enfatizou.
Co fin de loitar contra a violencia de xénero e mellorar a situación das vítimas dunha maneira comprometida, o Concello de Lugo colabora con Fademur para poñer en marcha o programa ‘Cultivando Igualdade’, cuxos obxectivos son claros e estarán materializados en diferentes actividades, que se porán en funcionamento polo territorio rural galego a partir de outubro.
“Dende a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) estamos a presentar o programa ‘Cultivando Igualdade’, co obxectivo de continuar e complementar os traballos que vimos realizando pola igualdade e o progreso das mulleres que habitan e traballan no medio rural e en contra das violencias machistas” explicou Verónica Marcos. “É Importante lembrar a dobre discriminación que viven as mulleres rurais, ben polo xénero, ben por que son habitantes das marxes; esta iniciativa traballa co fin de poñer o foco en como se caracteriza a violencia de xénero no medio rural e cales son os factores que aumentan o risco de que as mulleres sexan vítimas desta violencia”, puntualizou.
A caracterización da violencia de xénero no medio rural implica afondar nas causas desa invisibilidade e descoñecemento social, no silencio das vítimas, no illamento e a soidade, na falta de recursos especializados e nas dificultades no acceso aos mesmos, así como a falta de anonimato nos recursos de atención.
Durante a rolda de prensa destacouse a especial incidencia que ten na violencia de xénero as dificultades das mulleres para ter unha independencia económica e social, a falta de oportunidades laborais e educativas, a dificultade para cumprir ordes de afastamento, o control social, as estruturas de poder e a supervivencia dos roles sexistas.
Cultivando Igualdade’ componse de actividades de sensibilización adaptadas ao medio rural e inclúe 3 modalidades diferentes de talleres para a prevención da violencia de xénero, que se desenvolverán os días 20, 22 e 27 de outubro. Os talleres estarán dirixidos a adolescentes e a mulleres rurais, co fin de tecer unha rede de espazos seguros contra a violencia de xénero na súa contorna, visibilizando as distintas formas na que se desenvolve, informar sobre os recursos e protocolos de actuación ante a mesma e traballar o empoderamento e acompañamento das vítimas no seu proceso de saída.
As actividades presenciais, levaranse a cabo cumprindo escrupulosamente coas medidas de prevención en materia COVID19.
O programa tamén conta coa posibilidade de formarse a distancia polo que persoas interesadas teñen dispoñible a opción online na web: www.cultivandoigualdad.org.
Audio
- A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana G. Abelleira, sobre a reunión con FADEMUR | Descargar mp3
- A secretaria de Fademur, Verónica Marcos, sobre a reunión con FADEMUR | Descargar mp3