A Concellería de Xuventude promove a actividade "Creando Hip Hop" para os mozos e mozas lucenses

Xoves, 17 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo participa en “Creando HIP HOP”, a través da Concellería de Xuventude. Trátase dunha actividade de normalización lingüística organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, dentro da Campaña BOCABERTA, na que participa a Editorial A Nosa Terra. A actividade desenvolverase os próximos venres e sábado ás 21:30 e 23:30 na Casa da Música.

Creando HIP HOP está dirixida a mozos/as de 14 a 16 anos e intenta transmitir a idea de que o galego é un idioma “moderno”, no que se poden desenvolver actividades que gustan á xuventude. Neste caso a música máis vencellada ás rapazas/ces desta idade, o hip hop.

A duración da actividade será dunha hora, desenvolta ao estilo dun obradoiro, e estará dirixida pola cantante AID, co apoio dunha grafiteira e un bboy (bailarín). Nela os mozos/as, xunto coa cantante AID, aprenderán como se crean rimas, como despois con música se converten en cancións, que interpretarán ao tempo que se construen, e finalmente como estas se transforman en debuxos.

O desenvolvemento da actividade sería:

- AID creará rimas convidando aos participantes a que creen as súas.
- Coas rimas irán facendo pequenas cancións.
- Durante a sesión AID cantará 4 ou 5 temas, compostos por ela, que formarán parte do seu novo disco.
- O bboy acompañará as cancións, en momentos determinados ao longo da actividade, bailando con estilos moi achegados ao hip hop (break, dance,…).
- A grafiteira fará 2 debuxos, durante toda a sesión, que farán referencia ás rimas e cancións interpretadas pola cantante e os participantes do obradoiro.

Noticias relacionadas