Comezan as obras para eliminar o fibrocemento na traída de 10 rúas do Grupo La Paz, que renovarán o abastecemento en 187 acometidas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, achegouse a ver o avance desta actuación que, cun investimento de 514.000 euros, é a de maior contía incluída no Plan de Erradicación.

A rexedora incidiu na necesidade destas obras para substituír este elemento contaminante, aínda que non tóxico para a saúde, e ter infraestruturas máis duradeiras.

Venres, 05 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as obras para eliminar o fibrocemento na traída de 10 rúas do Grupo La Paz, que renovarán o abastecemento en 187 acometidas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, achegouse a ver o inicio das obras de eliminación do fibrocemento das traídas de auga do Grupo La Paz, que incluirá a renovación e modernización da rede de abastecemento e saneamento da zona e o arranxo das beirrarúas.

Cun investimento de 514.000 euros, é a actuación de maior contía das incluídas no Plan de Erradicación do Fibrocemento posto en marcha pola rexedora neste mandato, ao que se destinaron 1,7 millóns de euros para desenvolver sete proxectos nas rúas con maior número de avarías.

Méndez lembrou que é unha obra tan ambiciosa como necesaria para o Grupo La Paz. En total, se actuará sobre 187 acometidas, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos en dez rúas: Camelia, Acivro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.

O obxectivo da rexedora é dar pasos para eliminar o fibrocemento na rede de abastecemento e saneamento, “unha substancia que, pese a non conferirlle ningún tipo de toxicidade á auga, nin de entrañar perigo algún para a saúde pública, resulta contaminante na súa manipulación e dificulta a resolución das avarías que se producen na rede porque esixe de equipos e dun aparataxe específico que, ás veces, condiciona a axilidade de resposta na súa reparación.

Neste senso, indicou que, con estas actuación, “acadamos varios propósitos: ter unha rede de abastecemento máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo do concello, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”

As obras inclúen a substitución das tubaxes actuais por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levarán a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentaban deficiencias no seu funcionamento. Cabe apuntar que, “previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas”, apuntou o concelleiro de Medio Ambiente, quen tamén sinalou que os traballos terán un prazo de execución de 6 meses.

Miguel Fernández lembrou que a obra pasará a engadirse ás xa realizadas ao respecto noutros puntos da capital como é o caso das rúas Bataneira e Figueira, en Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, na marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e en boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara, o que “incrementará a eficacia da prestación a través de infraestruturas máis sostibles e eficientes”.

Tanto a Alcaldesa como o concelleiro agradecen á cidadanía a súa comprensión polas obras, xa que “sempre son molestas e crean inconvenientes, pero estamos traballando pola cidade”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Grupo "La Paz" | Descargar mp3

Noticias relacionadas