A área de Desenvolvemento Local creará, cun novo obradoiro de emprego, oportunidades laborais para 16 mozas e mozos

A formación “Start IOT 5.0”, que comezará o vindeiro mes de xullo e terá unha duración de 1 ano, ofrecerá dous módulos, de informática e comunicacións e de produción adiovisual.

A Xunta de Goberno aprobará mañá as bases para a selección dos participantes que estarán remunerados co salario mínimo interprofesional.

Ana Abelleira: “O obxectivo é promover a integración da mocidade no mercado laboral, especialmente a das persoas que non teñen traballo, non están integrados no sistema educativo ou pertencen a colectivos vulnerables”.

Martes, 29 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Desenvolvemento Local creará, cun novo obradoiro de emprego, oportunidades laborais para 16 mozas e mozos

A área de Desenvolvemento Local, que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira, pon en marcha un novo obradoiro de emprego co que o Goberno de Lara Méndez pretende crear oportunidades laborais para 16 rapazas e rapaces lucenses con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos.

A formación da mocidade é un dos obxectivos prioritarios do executivo local para a recuperación do municipio na etapa da post-pandemia, unha meta na que se está a traballar con varios plans de actuación.

A duración dos talleres, que comezarán o vindeiro mes de xullo, é de un ano, tempo no que as e os asistentes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional (950 euros ao mes). “Unha remuneración que converte esta iniciativa non só nunha oportunidade formativa senón tamén nunha fonte de ingresos para todas estas persoas”, subliñou a edil.

González Abelleira avazou que a Xunta de Goberno aprobará este mércores as bases para a selección do persoal, tanto estudantado como docente, que participará nos talleres.

“Baixo o nome de START IOT 5.0, este proxectonace coa vocación de mellorar a produtividade e a eficiencia dos negocios. Queremos incentivar a utilización da información, facultando ás e aos traballadores na aplicación de datos e análises para a resolución de problemas empresarias”, abondou a responsable de Desenvolvemento Local.

A tenente de alcaldesa explicou tamén que o obradoiro, dotado cun orzamento de 390.492 euros e financiado en máis do 90% polo Fondo Social Europeo, ofrecerá dous módulos de temáticas diferenciadas con 8 prazas cada un.

“Estarán centrados no desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e na confección e publicación de páxinas web, respectivamente. Neles, abordaranse contidos como a xeración de documentos e compoñentes software que formen aplicacións informáticas en entornos distribuídos utilizando tecnoloxías web, partindo dun deseño técnico xa elaborado, realizando, ademáis, a verificación, documentación e implantación dos mesmos e aprendendo a crear e publicar páxinas web que integren textos, imaxes e outros elementos, empregando linguaxes de marca e editores apropiados, entre outros aspectos”, referiu González Abelleira.

“O obxectivo é promover a sostibilidade e a calidade no emprego ao tempo que propiciamos a integración da mocidade no mercado laboral, en particular da que non ten traballo e non está integrada nos sistemas de educación, procede de colectivos vulnerables ou corre o risco de sufrir algún tipo de exclusión, favorecendo así a continuidade dos programas académicos coa finalidade de obter os certificados de profesionalidade e mellorar a súa empregabilidade, cualificación e inserción, prevendo no posible e minimizando os períodos de desemprego, o que se constitúe como unha das prioridades deste goberno”, sinalou a edil.

Ana Abelleira indicou, así mesmo, que o proxecto conta co apoio do tecido empresarial local e que os itinerarios formativos, deseñados polos técnicos municipais do CEI – Nodus, así como a experiencia laboral que obteña o alumnado, se axustan ás necesidades trasladadas polo sector, de maneira que “agardamos acadar unha porcentaxe elevada de inserción laboral posterior”, concluíu a concelleira.

Audio

  • A edil de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, sobre o obradoiro "Start IOT 5.0" | Descargar mp3

Noticias relacionadas