A Alcaldesa participa na entrega de novos fondos da campaña solidaria Os Tapóns dan Vida, que benefician a 28 rapaces

As entidades receptoras son a ANPA do colexio As Mercedes, Animación Pastoral do colexio da Milagrosa e Asociación Dignidade

Venres, 28 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Presidente da Deputación, Darío Campos, e a Presidenta da Fundación Puro Cora e do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, participaron este venres no acto de entrega de novos talóns por valor de 9.800 euros dentro da campaña Os Tapóns dan vida e Coidan o Medio Ambiente, que beneficiarán a 28 rapaces para facer fronte a gastos de comedor e outras necesidades básicas. As entidades receptoras son a ANPA do colexio As Mercedes, Animación Pastoral do Colexio da Milagrosa e Asociación Dignidade.

Dende a súa posta en marcha no 2012, entregáronse no marco desta iniciativa 17 talóns por valor de 37.800 euros, cos que se financiaron tratamentos, comida, material escolar ou medicamentos, ademais de facerse unha recollida de xoguetes. Para elo, recolléronse 125 toneladas de tapóns.

A rexedora puxo en valor a iniciativa solidaria na súa vertente social e medioambiental, ademais de subliñar que é froito do compromiso do Grupo El Progreso co impulso de iniciativas “que fan cidade e que melloran a calidade de vida dos lucenses”. Neste senso, Lara Méndez lembrou que El Progreso e o Concello organizan conxuntamente o vindeiro 14 de maio o I Medio Maratón Cidade de Lugo.

A Alcaldesa agradeceu o traballo das entidades colaboradoras que fan posible o éxito da campaña Os Tapóns dan Vida e Coidan o Medio Ambiente, e recoñeceu o traballo dos colectivos beneficiarios dos novos fondos.

Noticias relacionadas