A alcaldesa de Lugo supervisa o inicio dos traballos de roza nos terros municipais do Carme como acción de posta en valor do Camiño Primitivo

A actuación, que se repetirá de forma periódica cada dous meses, enmárcase dentro da estratexia Dusi para revalorizar unha das principais entradas de peregrinos á cidade

Esta é a terceira intervención que o goberno acomete na zona, logo de repavimentar a rúa do Vicedo e subsanar as verteduras de augas residuais que afectaron á contorna durante máis de 30 anos

Mércores, 11 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo supervisa o inicio dos traballos de roza nos terros municipais do Carme como acción de posta en valor do Camiño Primitivo

Esta mañá comezaban as tarefas de roza en 16 parcelas de titularidade municipal sitas na zona do Carme. En total será ao redor de media hectárea de terreo ao que hai que engadir os camiños públicos da contorna, como o Regueiro dos Hortos, a propia Rúa do Carme seguindo o traxecto do Camiño Primitivo, a Rúa Vicedo, etc.

Os labores, que consisten na eliminación e control da maleza, levaranse a cabo de forma periódica cada dous meses para garantir non só a conservación deste espazo senón tamén a súa salubridade.

Estamos a falar dunha zona cun alto valor patrimonial debido á súa concorrencia co traxecto do Camiño Primitivo e pola proximidade que mantén coa Muralla e co Casco Histórico. Un ámbito que queremos protexer e coidar, que queremos aproveitar e sacarlle partido pero tamén poñer a disposición, nas mellores condicións posibles, non só da veciñanza senón tamén de todas aquelas persoas que nos visitan. Non podemos esquecer que se trata dun dos emprazamentos máis transitados e turísticos do municipio con gran potencialidade respecto ao vindeiro Xacobeo 2021”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora supervisaba a primeira hora o inicio dos traballos que se constitúen como unha das unidades de actuación da Estratexia Dusi e que están cofinanciados con fondos FEDER.

Lara Méndez explicaba tamén que “nas proximidades da superficie que se vai acondicionar existen ademais ao redor de 115 predios de titularidade privada que suman un total de dez hectáreas. Aínda que boa parte destas parcelas se atopan ben coidadas debido a que se aproveitan para o cultivo de hortos hai outras que precisan dunha limpeza urxente. De maneira que, dende o servizo de Disciplina Urbanística se procederá, nos próximos días, a recordarlle aos seus titulares as obrigas de mantemento que teñen sobre elas”, subliñou a alcaldesa.

Esta actuación, que comparte escenario co proxecto pioneiro – dado a coñecer onte – de colivingartístico, súmase a outras xa desenvolvidas, dentro do mesmo programa Muramiñae, como foi o arranxo do firme na rúa do Vicedo, para que esta vía dera servizo como lugar de estacionamento, ou a propia descontaminación do Carme cando en xullo se subsanaron definitivamente as verteduras de augas residuais que afectaron á contorna durante máis de 30 anos.

Audio

  • Lara Méndez, sobre os terros municipais do Carme | Descargar mp3
 

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo supervisa o inicio dos traballos de roza nos terros municipais do Carme como acción de posta en valor do Camiño Primitivo

Noticias relacionadas