A Alcaldesa clausura o programa Hortos na Escola, no que este curso participaron 1.650 nenos e nenas de 15 centros

Trátase dun “recurso educativo moi interesante para fomentar nos máis pequenos a conciencia ambiental, e a relación co medio rural e a súa interrelación co urbano a través do contacto directo co entorno natural”

Os rapaces realizan todas as labores propias dunha horta: regan, plantan, sachan, sacan as malas herbas, abonan, e agora en xuño recollen a colleita: leitugas, repolos, tomates, pementos, cebolas, allos e chícharos

Mércores, 15 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa clausura o programa Hortos na Escola, no que este curso participaron 1.650 nenos e nenas de 15 centros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, clausurou este mércores no CEIP Menéndez Pelayo a décimo cuarta edición do programa Hortos na Escola organizado polo Concello, na que este curso 2015-2016 participaron uns 1.650 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos de idade de 15 centros (12 colexios e 3 escolas infantís, dúas delas municipais).

A rexedora e o edil de Educación compartiron cos “pequenos agricultores” do Menéndez Pelayo, 150 nenos e nenas, un encontro que puxo fin este ano, co remate do curso escolar nos vindeiros días, a unha iniciativa que “mantemos dende o Concello porque cremos que se trata dun recurso educativo moi interesante para fomentar nos máis pequenos a conciencia ambiental, e a relación co medio rural e a súa interrelación co urbano a través do contacto directo co entorno natural”.

Lara Méndez destacou que, grazas a esta actividade, “os nenos e nenas traballan en equipo ao aire libre, vendo como medran os cultivos que eles mesmos plantan, coidan e recolleitan. Son protagonistas da aprendizaxe”.

As actividades

Unha coordinadora e dúas educadoras imparten o programa, que se desenvolve dende xaneiro a xuño nos colexios e de maio a xullo nas escolas infantís. As actividades organízanse tendo en conta os ciclos da natureza, elixindo aqueles cultivos máis apropiados para cada época, co fin de recoller os cultivos ao final do programa, nos meses de xuño e xullo. Os nenos e nenas fan todas as labores propias dunha horta: regan, plantan, sachan, sacan as malas herbas, abonan...

Os cultivos que plantaron son: leitugas, repolos, tomates, pementos, cebolas, allos, chícharos e plantas aromáticas.

O programa integra o horto como un espazo máis dentro da escola e nel, ademais do coidado dos cultivos, desenvólvense obradoiros que mostran aos rapaces como poden aproveitar e transformar eses produtos que sacan da terra: obradoiros de marcapáxinas, velas, colonias, sales de baño, bolsas aromáticas e preparado de plantas mediciñais.

A experiencia Hortos na Escola, que naceu no 2001 con catro centros e hoxe agrupa a 15, foi recoñecido e incluído pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras dentro do seu Banco Internacional de Documentos de Cidades Educadoras no ano 2010, recoñecemento a nivel internacional a Lugo como Cidade Educadora e que permite a difusión da experiencia como programa innovador que serve de punto de referencia para outras cidades.

Os participantes

Os 15 centros que participaron este curso foron: CEIP Menéndez Pelayo; CEIP Luis Pimentel; CEIP Rosalía de Castro; CEIP Illa Verde; CEIP Quiroga Ballesteros; CEIP Casás; CEIP A Ponte; CEIP Virxe da Soidade; CEIP Albeiros; CEIP Manuel Mallo Mallo; CEIP Paradai; CEIP Anexa; EEI Fingoi nº2; e as escolas infantís municipais Serra de Outes e Gregorio Sanz.

Noticias relacionadas