Aberta a inscrición para as actividades infantís de Verán nos Centros

A inscrición debe facerse ata o mércores, 13 de xuño, no propio centro de convivencia no que se queira realizar a actividade, agás no centro da Milagrosa, no que tamén se cursarán as inscricións correspondentes ao María Balteira

Hai dispoñibles entre 12 e 25 prazas por quincena (xullo e agosto), en función do centro, dirixidas a nenas e nenos de entre 3 e 11 anos

Luns, 10 de xuño de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Hoxe luns, 10 de xuño, o Concello abre o prazo de inscrición para as actividades infantís de Verán nos Centros de Convivencia. A inscrición debe facerse ata o mércores, 13 de xuño, no propio centro no que se queira realizar a actividade, agás no centro da Milagrosa, no que tamén se cursarán as inscricións correspondentes ao María Balteira. Hai dispoñibles entre 12 e 25 prazas por quincena (xullo e agosto), en función do centro. Terán preferencia persoas derivadas polos Servizos Sociais do Concello. A adxudicación de prazas realizarase mediante un sorteo, que terá lugar o día 14 de xuño.

A programación, coa que a entidade local trata de ofrecer alternativas lúdicas e de lecer saudable, ao tempo que se axuda á conciliación da vida familiar e laboral dos e das luguesas; inclúe diferentes xogos e propostas lúdico-educativas para nenas e nenos de entre 3 e 11 anos, nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, Fingoi, María Balteira, Lamas de Prado, Milagrosa e Maruja Mallo; que poden trasladarse ao exterior, tales como xogos cooperativos, traballos manuais, psicomotricidade, educacación ambiental e xogos musicais, entre outros.

Outra programación

Para este verán, o Concello ten outra programación de animación sociocultural organizada. Concretamente, no aire libre, e dirixida a toda a poboación, ofrece diversas actividades física, que terán lugar os luns e mércores, no Parque de Rosalía de Castro, e os martes e xoves na Praza de Augas Férreas, das 11:00 ás 12:00 horas. Para estas alternativas gratuítas, non é precisa inscrición previa.

Por segundo ano consecutivo, a programación inclúe un obradoiro de reparación de bicicletas, que acollerá o Mercado Municipal os martes do mes de xullo, das 17:00 ás 18:30 horas. Tampouco é precisa inscrición.

Excursións á praia

No que se refire ás excursión de verán, o Concello organiza 4 saídas a Muros, Burela, Tapia de Casariego e Sada, os días 17 de xullo, 31 de xullo, 7 de agosto e 21 de agostos, respectivamente. As persoas interesadas poden inscribirse entre os días 24 e 28 de xuño, en horario de 10:00 a 13:00 horas no centro de convivencia de Lamas de Prado. A saída para estas viaxes será ás 09:00 horas, dende a Praza de Bretaña, e o regreso ás 21:00 horas nese mesmo punto. O prezo a aboar mantense un verán máis, 4,12 euros.

Máis info

  • Folleto informativo das actividades de verán do Concello | Descargar pdf

Audio

  • A edil Ana Abelleira, sobre as actividades de verán do Concello | Descargar mp3

Noticias relacionadas