O Concello e a Plataforma Muro apostan pola creación dun consorcio histórico-artístico e arqueolóxico para a xestión do Museo da Romanización do Cuartel de San Fernando

A alcaldesa informou á plataforma da comunicación recibida o 28 de xullo, que confirma que o proxecto de rehabilitación deste edificio, superou a fase de preavaliación e comprobación da documentación e continúa a súa tramitación

Mércores, 02 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e a Plataforma Muro apostan pola creación dun consorcio histórico-artístico e arqueolóxico para a xestión do Museo da Romanización do Cuartel de San Fernando
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo esta mañá unha reunión coa Plataforma Muro, na que informou da comunicación recibida o pasado 28 de xullo sobre o estado da tramitación do proxecto de rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Centro de Interpretación e Museo para a Humanización de Galicia.
 
Segundo esta comunicación, o proxecto finalizou a fase de preavaliación e de comprobación da documentación prevista nas bases reguladoras da subvención, polo que o expediente continúa a súa tramitación conforme ao procedemento establecido ata a adopción da resolución que poña fin ao proceso. A alcaldesa, Elena Candia, explicou que o Concello afronta esta nova fase con prudencia, pero tamén con moita esperanza.
 
Durante a reunión, Concello e Plataforma Muro coincidiron na importancia de que a xestión posterior deste proxecto cultural se articule a través dun consorcio histórico-artístico e arqueolóxico, como fórmula para garantir a participación das diferentes administracións na xestión do patrimonio.
 
A Plataforma Muro trasladou modelos de consorcios que xa funcionan con éxito noutras cidades, como Alcalá de Henares, Mérida ou Tarragona, unha proposta que a alcaldesa compartiu como fórmula axeitada para a xestión do Museo da Romanización.
 
Esta entidade estaría integrada polas diferentes administracións implicadas —Concello, Deputación, Xunta de Galicia e Ministerio— e tería como obxecto “a cooperación económica, técnica e administrativa entre as entidades que a integran para a xestión e organización e intensificación das actuacións relativas á conservación, restauración, acrecentamento, revalorización e investigación da riqueza arqueolóxica e monumental de Lugo”.
 
Entre os fins do consorcio tamén estaría a participación de voluntarios nas súas actividades e o fomento do voluntariado a través de programas de información e sensibilización sobre o patrimonio lucense.
 
A proposta permitiría, deste xeito, contar cunha fórmula de colaboración entre as distintas administracións para a xestión e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e monumental de Lugo, tendo como referencia o futuro Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando.
 
Audio
  • Elena Candia, sobre o Museo da Romanización do Cuartel de San Fernando | Descargar mp3
 

Multimedia

  • O Concello e a Plataforma Muro apostan pola creación dun consorcio histórico-artístico e arqueolóxico para a xestión do Museo da Romanización do Cuartel de San Fernando

Noticias relacionadas