Establecementos abertos ao público nos que se desenvolvan ou organicen espectáculos públicos ou actividades recreativas

Código: 
262
Presentación: 
Presencial
Descarga

Segundo a Lei 10/2017, de espectáculos públicos e actividdes recreativas, con carácter xeral, a apertura dos establecementos abertos ao público nos que se desenvolvan espectáculos públicos ou actividades recreativas e a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas están sometidos ao réxime de declaración responsable. Porén, por razóns de interese xeral vinculadas á orde, seguridade e saúde públicas e protección do medio ambiente, esixirase a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica nos supostos establecidos no artigo 41 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Que casos se deben declarar?

A declaración responsable deberase presentar

Con carácter previo á apertura do establecemento, á organización do espectáculo público ou ao inicio da actividade recreativa, as persoas interesadas deberán presentar unha declaración responsable dirixida ó Concello, coa que poñerán en coñecemento da Administración competente todos os datos relativos o seu exercicio.

Será necesaria a presentación de declaración responsable nos termos previstos neste precepto no caso de modificación substancial. En todo caso, terán a consideración de modificacións substanciais a modificación da clase de actividade recreativa ou espectáculo público, o cambio de lugar, a realización dunha reforma substancial dos establecementos ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento aberto ao público se así é declarado no informe técnico correspondente.

Igualmente, será necesaria a presentación de declaración responsable para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de carácter extraordinario que se desenvolvan esporádicamente en establecementos abertos ao público, suxeitos ao réxime de declaración responsable, legalmente habilitados para celebrar un espectáculo público ou actividade recreativa distinta da propia do establecemento. Nestes casos, deberase presentar a documentación prevista no artigo 40 da Lei 9/2013, modificado pola Lei 10/2017, que resulte procedente tendo en conta as características do espectáculo ou da actividade de carácter extraordinario. Asi mesmo, deberase dispoñer do seguro previsto na lexislación de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Exclúese da obriga de prestar declaración responsable

Os establecementos que organicen ou destinen o desenvolvemento de espectáculos públicos ou actividades recreativas que atendendo a concorrencia de razóns de orde pública, seguridade pública, saúde pública e protección do medio ambiente precise a obtención de licenza municipal ou autorización autonómica, relacionados no artigo 41 da Lei 9/2013.

As actividades sometidas á comunicación previa conforme ó establecido na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado por Decreto 144/2016, do 22 de setembro. (Modelo 259)

Quen debe presentar a declaración responsable?

As persoas titulares do establecemento aberto o público.

Que documentación hai que presentar?

En todos os casos, con carácter previo á apertura do establecemento ou inicio da actividade, deberase presentar a declaración responsable coaseguinte documentación:

  • Impreso 262 debidamente cumplimentado.
  • Xustificante do pagamento das taxas municipais, en réxime de autoliquidación.
  • Declaración responsable, na cal a persoa interesada manifesta baixo a súa responsabilidade, que cumpre todos os requisitos establecidos na normativa vixente para o exercicio da actividade, que dispón da documentación que así o acredita, que a poñerá á disposición da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o periodo de tempo inherente ao dito exercicio.
  • Identificación da persoa interesada mediante copia do Documento Nacional de Identidade ou documento identificativo equivalente.
  • No caso de que a actividade sexa exercida por unha sociedade ou comunidade de bens, deberase presentar copia da súa acta de constitución.
  • No caso de actuar en representación, autorización escrita da persoa solicitante ou copia de poder para representala.
  • Declaración dos datos que a xuízo da persoa solicitante gozan de confidencialidade amparada na normativa vixente.
  • Póliza de seguro de responsabilidade civil obrigatorio, prevista na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia e, o recibo de pagamento das primas correspondentes ao periodo do seguro en curso ou a copia destas.
  • Documento acreditativo da dispoñibilidade do establecemento ou espazo aberto o público en calidade de propietarios/as ou arrendatarios/as ou calquera outro título xurídico.
  • Copia da licenza de construción do inmoble, se esté é posterior ao ano 1969; se é anterior deberá facelo constar expresamente na instancia.
  • Copia da licenza de primeira ocupación da edificación, se a obra se finalizou con posterioridade ao ano 1977.

Deberase achegar seguinte documentación, salvo que xa estea en poder desta administración indicando  o procedemento no que se incorporou:

  • Proxecto e documentación técnica que resulte esixible segundo a natureza da actividade. Para estes efectos, enténdese por proxecto o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. O proxecto e a documentación técnica serán redactados e asinados por persoa técnica competente. En todo caso contendrá memoria explicativa da actividade que se pretende realizar, planos de localización a escala 1/1000 da planimetría do Plan xeral de ordenación municipal, así como plano no que se localice o local dentro do inmoble no que se sitúa, memoria urbanística e memoria de superficies.
  • As autorización e os informes sectoriais que sexan preceptivos.
  • Se fora o caso certificado, acta ou informe de conformidade emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal reguladas na Lei 9/2013.
  • Documento acreditativo asinado polo/a interesado/a da designación da persoa física ou xurídica que debe asumir a responsabilidade técnica da execución do proxecto e que debe expedir a certicación que acredite a adecuación da actividade os requisitos esixibles.
  • Así como calquera outra documentación que esixa a normativa aplicable.
  • Certificado acústico acreditando, segundo o artigo 11.1 e 11.2, o cumprimento dos valores de illamento acústico indicados na línea B) do anexo do Decreto 106/2015 sobre contaminación acústica de Galicia.

Se para o desenvolvemento da actividade é precisa a realización dunha obra, a documentación anterior presentarase coa comunicación previa ou coa solicitude de licenza de obra, prevista na normativa urbanística segun proceda. Logo de rematar a obra, presentarase a declaración responsable para o inicio da actividade, acompañada da seguinte documentación:

  • Certificado final de obra asinado por técnico competente.
  • Certificado acústico acreditando, segundo o artigo 11.1 e 11.2, o cumprimento dos valores de illamento acústico indicados na línea B) do anexo do Decreto 106/2015 sobre contaminación acústica de Galicia.

COMUNICACIÓN DE CAMBIO NO TITULAR DA ACTIVIDADE:

  • A comunicación de cambio de titularidade deberá efectuarse con anterioridade o desenvolvemento da actividade polo/a novo/a titular, acompañando a documentación acreditativa do cambio e da dispoñibilidade do seguro de responsabilidade civil.

Onde se presenta?

No Rexistro Xeral
Centro de Servizos Municipais
Ronda da Muralla, 197
Horario: luns a venres, de 9:00 a 14:00.

Cando se presenta?

Con carácter previo ó inicio da actividade ou da apertura.

É necesaria a presentación de declaración responsable nos casos de modificación da clase de actividade, cambio de localización, reforma substancial dos locais, instalacións ou calquera cambio que implique unha variación que afecte á seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento.

Canto custa?

Segundo a Ordenanza fiscal número 121, taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas e declaracións responsables nas aperturas de establecementos.

Onde se tramita?

Servizo de Licenzas – Concello de Lugo

Trámites relacionados  

  • Licenza urbanística
  • Comunicación urbanística de obras e uso do solo e subsolo
  • Licenza de primeira ocupación

Normativa relacionada

  • Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia. (DOGA 27/12/2013).
  • Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia (DOGA 02/01/2018).
  • Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos. (DOGA 09/11/2016).
  • Planeamento municipal:
    • Plan xeral de ordenación urbanística (PXOM).
    • Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado de Lugo (PEPRI).
    • Demáis planeamento de desenvolvemento aplicable ao caso.
  • Ordenanzas municipais.

Condicións e efectos da declaración

Os titulares dos establecementos ou espazos abertos o público terán os dereitos e obrigas establecidos no artigo 23 da Lei 10/2017.

Información ó público, de conformidade co artigo 19 da Lei 10/17

Nos establecementos abertos ao público deberase dispoñer nun lugar visible e perfectamente lexible, nos dous idiomas oficiais de Galicia, a seguinte información:

  • a) O número de teléfono, o número de fax, o enderezo postal ou o correo electrónico para efectos de reclamacións ou peticións de información.
  • b) O horario de apertura e peche.
  • c) A copia da licenza municipal de apertura, no caso de que esta sexa esixible.
  • d) A capacidade máxima.
  • e) A existencia de follas de reclamación.
  • f) As limitacións de entrada e a prohibición de consumo de alcohol e tabado a persoas menores de idade, de conformidade coa lexislación vixente.
  • g) As condicións de admisión determinadas de acordo co previsto no artigo 13, no caso de que existiren.
  • h) As normas particulares ou instrucción elaboradas polo/a titular do establecemento para o normal desenvolvemento do espectáculos ou da actividade.

A Declaración responsable tera entre outros o seguintes efectos

  • A declaración responsable presentada cumprindo con todos os requisitos constitúe un acto xurídico do particular que habilita para o inicio da actividade ou faculta para a apertura do establecemento, e de ser o caso, para o inicio da obra ou instalación, e faculta a Administración pública para verificar a conformidade dos datos que se conteñen nela. 
  • A declaración responsable non constitúe unha autorización administrativa tácita, senón unicamente a transmisión da información correspondente para efectos do coñecemento municipal e de posibilitar a intervención mediante o control posterior, sen prexuízo das facultades de inspección ordinaria. A actividade comunicada poderá ser inspeccionada durante todo o tempo que dure o exercicio da mesma e levarase a cabo polos servizos técnicos municipais.
  • A declaración responsable presentada produce efectos entre a persoa titular da actividade ou o establecemento e o Concello, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros. En ningún caso altera as situacións xurídicas privadas entre aquela e as demáis persoas.
  • O incumprimento sobrevido das condicións da declaración ou dos requisitos legais da actividade será causa da ineficacia da declaración, e habilitarán o concello respectivo para a súa declaración logo de audiencia do/a interesado/a.
  • A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato, manifestación ou documento que se achega ou incorpora á declaración responsable, comporta, logo de audiencia da persoa interesada, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e impide o exercizo do dereito ou da actividade afectada dende o momento en que se coñece, sen perxuízo das sancións que proceda impoñer por tales feitos.
  • Será causa de ineficacia o non exercicio da actividade no prazo de seis meses contado dende que a comunicación previa habilite para o exercicio desta, así como a interrupción da actividade durante un ano, contado dende a data en que se produciu esta interrupción.
  • A resolución administrativa que constata estas circunstancias comportará o inicio das correspondentes actuacións e a esixencia de responsabilidades, e poderá determinar a obriga do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercizo do dereito ou ao inicio da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento durante un período de tempo determinado de entre tres meses a un ano.
  • A responsabilidade do cumprimento dos requisitos administrativos a que estivese sometida a actividade ou o establecemento trasladarase á nova persoa titular a partir do momento en que o cambio de titularidade se fixese efectivo, con independencia da data en que se leve a cabo a comunicación do cambio de titularidade. En caso de que a nova persoa titular non presente a devandita comunicación, a anterior persoa titular eximirase de toda responsabilidade se acredita ante a Administración o cambio de titularidade por calquera medio admisible en dereito.