Comunicación urbanística de obras e usos do solo e subsolo

Código: 
257
Presentación: 
Presencial
Descarga

A comunicación previa en materia de urbanismo é o documento no que a persoa interesada pon en coñecemento da administración municipal que reúne os requisitos para realizar una actuación urbanística, que non está suxeita a previa autorización mediante licenza municipal.

A comunicación presentada non constitúe un acto de autorización administrativa tácita, se non, unicamente a transmisión da información correspondente para os efectos do coñecemento municipal que posibilite o exercicio das facultades municipais de inspección e control sobre os actos do uso do solo e subsolo obxecto da comunicación previa.

Que actuación se poden comunicar ?

En particular, sométense ao réxime de comunicación previa:

a) Os actos de edificación e uso do solo e do subsolo que, consonte a normativa xeral de ordenación da edificación, non precisen de proxecto de obras de edificación.

b) A execución de obras ou instalacións menores.

En ningún caso se entenderán como tales os parcelamentos urbanísticos, os muros de contención de máis de metro e medio de altura, as intervencións en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados e os grandes movementos de terra.

c) A utilización do solo para o desenvolvemento de actividades mercantís, industriais, profesionais, de servizos ou outras análogas.

d) O uso de voo sobre as edificacións e instalacións de calquera clase.

e) A modificación do uso de parte dos edificios e instalacións, en xeral, cando non teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio nin implantar un uso residencial.

f) A extracción de granulados para a construción e a explotación de canteiras, aínda que se produza en terreos de dominio público e estean suxeitos a concesión ou autorización administrativa.

g) As actividades extractivas de minerais, líquidos e de calquera outra materia, así como as de verteduras no subsolo.

h) A instalación de invernadoiros.

i) A colocación de carteis e paneis de propaganda visibles desde a vía pública, sempre que non estean en locais pechados.

j) Os cerramentos e valados de predios.

Cando se realicen diversas actuacións relacionadas coa mesma edificación ou inmoble presentarase unha única comunicación previa.

Exclúense expresamente:

  • Aquelas obras sometidas a licenza urbanística, sinaladas no artigo 351 do Decreto 143/16, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia.142.2 da Lei 2/16 do solo de Galicia.
  • Aquelas obras que non estando suxeitas a licenza municipal, poidan ser comunicadas de xeito inmediato e presencial nas dependencias municipais, relacionadas no artigo 3 da Ordenanza reguladora das comunicacións de obras.

Quen pode solicitar?

A persoa interesada lexitimada para tal fin.

Que documentación hai que presentar?

1.-     DOCUMENTACIÓN XENÉRICA QUE TERÁ QUE SER PRESENTADA:

  • Na presentación física a instancia Modelo 257 e na presentación telemática cumplimentar o procedemento Y010.
  • Xustificante de pagamento dos tributos municipais. Para realizar a correspondente autoliquidación dos tributos deberá poñerse en contacto co Servizo de Facenda Local do Concello, presencialmente ou a través do correo electrónico tasasobras@lugo.gal.
  • Descrición completa das características técnicas da actuación que se pretende realizar, indicando as dimensións, materiais e acabados que se van utilizar.
  • Plano de situación da obra referido á cartografía do planeamento municipal. Poderá ser solicitado á Oficina de Topografía do Servizo Municipal de Enxeñería, indicando a referencia catastral do ben afectado, presencialmente ou na dirección de correo electrónico planosdesituacion@lugo.gal.
  • Esbozo acoutado da actuación que se pretende realizar, con indicación exacta da situación dentro da edificación ou da parcela.
  • Orzamento de execución material detallado da obra, con expresa indicación das medicións.
  • Cando sexa legalmente esixible, aportarase proxecto técnico. A documentación técnica sinalada nos apartados anteriores non será necesaria no caso de xa estar incluída no proxecto ou memoria de facultativo/a competente.
  • No caso de actuar en representación achegará acreditación da mesma.
  • Autorizacións ou informes sectoriais, concesións administrativas ou declaracións ambientais cando sexan legalmente esixibles; ou, cando se trate de declaracións responsables, acreditación de que presentaron debidamente.
  • Se procede, fotografías en cor do interior e fachadas do estado actual do local ou vivenda na que se intervén.
  • De ser o caso, certificado emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal.

2.-     DOCUMENTACIÓN ADICIONAL NAS SEGUINTES INTERVENCIÓNS:

2.1. Nas obras que teñan por obxecto a reforma interior da vivenda

  • Plano de estado actual e estado reformado.

2.2. Nas obras que teñan por obxecto o peche de parcelas e soares

  • Memoria descritiva e croquis do peche, con indicación dos materiais, altura e lonxitude do mesmo. Os peches de bloque de formigón deberán ser debidamente revestidos e pintados.
  • Plano da parcela indicando a situación do peche na parcela.
  • Reportaxe fotográfica en cor da parcela na que se pretenden construír o peche.
  • Nos peches de parcelas situadas en solo clasificado como urbano e solo de núcleo rural achegarase plano de posición do peche axustado as aliñacións oficiais establecidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal.
  • Nos peches de parcelas en solo rústico que linden con vías públicas deberase xustificar o retranqueo coa vía pública á que dea fronte.

2.3. Nas obras de substitución de carpintería exterior, que difira do modelo, material ou cor existente

  • Acordo da comunidade de propietarios no que se aprobe o modelo a instalar nas substitucións das carpinterías do edificio. Co fin de manter a estética das fachadas, todas as fiestras e galerías deben ser iguais e os cambios que se fagan deberán ser co mesmo modelo, que será o aprobado pola comunidade de propietarios.
  • Croquis co deseño da nova carpintería, indicando material, cor e sistema de apertura.
  • Fotografías en cor da fachada na que se observen todas as carpinterías exteriores existentes na mesma e se sinalen as carpinterías que se van a substituír.

2.4. Na colocación de placa, rótulo ou bandeirola

  • Os rótulos e bandeirolas luminosos (tipo neón ou led) deberán presentar conformidade da veciñanza afectada nos termos dos artigos 139 e 140 do vixente PXOM.
  • Croquis ou fotomontaxe indicando as características do rótulo ou bandeirola (se é apegado, saínte, con luz, sen luz, neón, led...) e indicando as medidas, altura dende a base á beirarrúa, material, cor e ubicación na fachada.

INFÓRMASE de que as condicións esixidas para a instalación no Concello de Lugo se regulan:

Dentro do ámbito do PEPRI: artigos 127, 128 e 129 do PEPRI (publicado no BOP núm. 166, do 21 de xullo de 1997).

Fóra do ámbito do PEPRI: artigo 139 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (BOP núm. 037, do 14 de febreiro de 2012).

2.5. Na colocación de toldos e marquesinas

  • Deseño a escala do toldo, indicando medidas (longo, ancho e altura), altura da base á beirarrúa, cor e materiais.
  • Fotografías en cor da fachada do inmoble.

INFÓRMASE das condicións esixidas para a instalación no Concello de Lugo:

Dentro do ámbito do PEPRI: non se autorizan marquesinas e os toldos regúlanse no artigo 126 do PEPRI (publicado no BOP núm. 166, do 21 de xullo de 1997).

Fóra do ámbito do PEPRI: as marquesinas regúlanse no artigo 136 e os toldos no 138 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (BOP núm. 037, do 14 de febreiro de 2012).

2.6. Nas obras de illamento exterior dos edificios

  • Documentación técnica, asinada por técnico competente, na que se xustifique o cumprimento da normativa vixente e que inclúa planos, detalles construtivos, medicións detalladas e fotografías.
  • O técnico redactor deberá xustificar expresamente a normativa de seguridade contra incendios (DB SI-2 do Código Técnico da Edificación: Propagación exterior).

2.7. Nas obras que inclúan tecnologías específicas (climatización, calefacción, enerxía solar, etc.)

  • Poderase aportar como documentación descriptiva das obras o proxecto, memoria ou outros documentos técnicos confeccionados para o organismo autonómico con competencias en materia de Industria, sempre que conteña a información xustificativa das obras.

Como cubrir a instancia/procedemento?

  1. Se o interesado neste procedemento é persoa xurídica está obrigada a iniciar o procedemento electrónico Y010, a través da sede electrónica do Concello, cubrindo todos os campos (artigo 16.8 da Lei 39/2015, de 1 de outubro).
  2. Deberanse cubrir todos os campos da instancia e aportar a documentación que se requira segundo o caso.
  3. A falta de datos na instancia ou da preceptiva documentación, implicará a ineficacia da comunicación por incompleta, se non se subsana a falla.
  4. Se son obras relacionadas cunha actividade económica ou profesional non deberá cubrir esta instancia, deberá cubrir o Modelo 268 correspondente ó procedemento Y013.
  5. Cando se realicen diversas actuacións relacionadas coa mesma edificación ou inmoble presentarase unha única comunicación previa.
  6. Deberá dispoñerse no lugar da obra da comunicación previa co xustificante de tela presentada.

Onde se presenta?

No Rexistro xeral - Centro de Servizos municipais Ronda Muralla, 197

Horario: luns a venres, de 9:00 a 14:00.

Cando se presenta?

Como mínimo 15 días antes do inicio da obra.

Como é proceso de tramitación?

Analizada a documentación e en función da adecuación ou non do seu contido ao ordenamento urbanístico e a ordenaza, axustarase o seguinte procedemento:

  • Dentro dos quince  días hábiles seguintes á comunicación, o concello, sen prexuízo da comprobación do cumprimento dos requisitos, poderá declarar completa a documentación presentada ou requirir a reparación das deficiencias que presente a documentación, adoptando neste caso, motivadamente, as medidas provisionais que entenda oportunas para evitar toda alteración da realidade en contra da ordenación urbanística aplicable, comunicándoas á persoa interesada por calquera medio que permita acreditar a súa recepción.
  • Unha vez declarada polo concello, de ser o caso, completa a documentación presentada, o exercicio das facultades muncipais de inspección e control sobre os actos de uso do solo ou do subsolo obxecto da comunicación previa  presentada limitarase á comprobación do cumprimento dos requisitos materiais aos que estivesen sometidos pola lexislación e o planeamento urbanístico.
  • Con carácter xeral, transcorrido o prazo de quince días hábiles sinalado, a presentación da comunicación previa cumprindo con todos os requisitos esixidos constitúe título habilitante para o inicio dos actos de uso do solo e do subsolo suxeitos a ela, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do concello respectivo.
  • Cando deban  realizarse diversas actuacións relacionadas coa mesma edificación ou inmoble, presentarase unha única comunicación previa.
  • A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se achega ou incorpora á comunicación previa comporta, logo de audiencia da persoa interesada, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e impide o exercicio do dereito ou das actividade afectada desde a notificación da resolución pola que se declare a ineficación da comunicación efectuada, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer por tales feitos.
  • A resolución administrativa que constata as circunstancias ás que se refire o punto anterior, comportará o inicio das correspondentes actuacións e a esixencia de responsabilidades e poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercicio do dereito ou  ao inicio da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento co mesmo obxecto durante un período de tempo determinado,

Canto custa?

A documentación que  acompaña a comunicación, incorporará o xustificante do pagamento da autoliquidación das taxas e impostos que correspondan,  de conformidade co establecido:

  • Ordenanza fiscal nº 103, reguladora da taxa pola prestación de servizos urbanísticos.
  • Ordenanza fiscal nº 202, reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

Manual para obter o presuposto de execución de material dunha edificación >>

Custo de execución de obras menores >>

Onde se tramita?

Servizo de Licenzas – Concello de Lugo.

Observacións

  • As comunicacións previas é o medio para que o Concello coñeza  dita actuación e poida exercer as facultades de comprobación, control e inspección.
  • A comunicación deberá presentarse coa documentación completa esixible, incluindo os informes e as autorizacións doutros organismo que sexan preceptivas, así como as autorizacións para o uso e a utilización do espacio público se fora necesario.
  • En ningún caso se entenderán adquiridas facultades ou dereitos en contra da lexislación ou do planeamento aplicable. A declaración de ineficacia extemporánea, será plenamente válida e eficaz e producirá plenos efectos xurídicos.
  • A comunicación non exonera ós titulares ou suxeitos responsables das súas obrigas de carácter tributario, fiscal, administrativo ou civil, establecidas na normativa de aplicación, requerindo a autoliquidación das taxas.
  • As actuacións comunicadas realizaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuizo de terceiros
  • Unha vez rematadas as obras  comunicadas  destinadas ao desenvolvemente dunha actividade presentarase comunicación previa para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento sen máis requisitos que os datos de identificación da  persoa titular e a referencia da comucación previa ou a licenza urbanística que amparou a obra realizada e o certificado final de obra asinado por técnico competente.
 

Directorio