A Xunta de Goberno aproba contratar actividades do programa +Xti que se levarán a cabo ata o mes de agosto

Mércores, 09 de marzo de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local mantén que a rebaixa no prezo do solodo polígono axudaría a atraer empresas e crear emprego en Lugo

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe abrir o procedemento para contratar actividades do Servizo de prevención de Drogodependencias.Trátase do desenvolvemento de actividades de ocio, formación e minorías do programa +Xti, que se levarán a cabo desde o mes de abril ata o de agosto. O importe máximo do contrato será de 44.455 euros, IVE incluído, segundo informou o Voceiro do Goberno local, José Rábade.

Tamén se aprobou unha licenza solicitada por Xestión Urbanística Lugo S.A. para o parcelamento dun solar de 2.135.512 metros cadrados no polígono das Gándaras. O acordo supón segregar 876.49 metros cadrados do predio matriz que se dividen en 119 parcelas. Esta primeira fase ten unha edificabilidade de 415.587 metros cadrados.

José Rábade lembrou que para o Equipo de Goberno débese rebaixar o prezo do chan “para atraer empresas e crear emprego na cidade”. O Voceiro do Goberno local tamén sinalou que o debate aberto polo Alcalde está dando lugar a diversas propostas dos outros grupos políticos e afirmou que “se alguén fixo un esforzo foi o Concello que lle vendeu os terreos das Gándaras á Xunta ó mesmo prezo que llos comprara ó Ministerio de Fomento”.

A Xunta de Goberno tamén acordou ampliar ata as 19.00 o horario de apertura do cemiterio municipal de San Froilán durante a primavera e o verán. O horario neste período será o seguinte: de 10.00 a 13.30, polas mañás, e de 15.30 a 19.00, polas tardes.

Ademais a Xunta de Goberno tomou razón dunha sentenza do xulgado do contencioso número 2 que desestimou o recurso que plantexara a empresa France Telecom contra a denegación de licencia para unha instalación de telefonía móbil na rúa Portugal.

Toma de posesión axentes mobilidade

O Voceiro do Goberno Local e Concelleiro de Protección da Comunidade deu conta tamén, na rolda de prensa na que informou dos acordos da Xunta de Goberno, de que esta mañá tivo lugar o acto de toma de posesión de catro axentes de mobilidade.

O acto foi presidido polo Alcalde, José López Orozco, e celebrouse a primeira hora na Casa do Concello. Na toma de posesión tamén estiveron presentes o Concelleiro de Protección da Comunidade así como o Secretario Xeral e a Xefa de Persoal do Concello.

Logo da toma de posesión, os axentes de mobilidade farán un pequeno período de formación, segundo explicou Rábade, antes de incorporarse ós seus postos nos que terán competencias na regulación do tráfico.

Noticias relacionadas