A Tenencia de Alcaldía intervén en distintos puntos da cidade para mellorar a accesibilidade peonil

Nos últimos días reparáronse beirarrúas no Camiño de Romai, rúa da Industria e río Lea, ademais de renovar a varanda da rúa Cova da Serpe.

Alexandre Penas: "seguimos traballando tanto na mellora da imaxe das nosas rúas como en garantir que todas as persoas poidan desprazarse polo espazo público de maneira accesible".

Venres, 12 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía intervén en distintos puntos da cidade para mellorar a accesibilidade peonil

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que nos últimos días se realizaron  múltiples traballos ao longo da cidade para mellorar espazos públicos, buscando mellorar a accesibilidade e a imaxe de distintas zonas. O edil de Infraestruturas afirmou que "seguimos traballando para atender as distintas reclamacións veciñais e garantir que os espazos públicos da cidade estén en bo estado de mantemento".

A Tenencia de Alcaldía actuou estes dáis no Camiño de Romai, onde se lle deu continuidade á beirarrúa unindo dous treitos a distinta aliñación, creando unha solución que da continuidade ao pavimento e evita molestias á veciñanza da zona. Na rúa Río Lea, renovouse un treito de beirarrúa de formigón que ata o de agora non contaba cunha superficie regular, instalando unha nova capa de formigón ruleteado reforzado con fibras estruturais, unha solución similar á executada na rúa da Industria, onde se mudou un treito de baldosa por formigón ruleteado e reforzado para evitar as contínuas roturas das baldosas da contorna. A estes traballos súmase a actuación executada na rúa Cova da Serpe, onde se renovou unha varanda, o que garante a seguridade e a accesibilidade nunha rúa cunha pendente elevada.

O concelleiro de Infraestruturas animou á veciñanza a facer chegar ao concello súas reclamacións para realizar arranxos nas rúas de Lugo. "Desde a concellería de Infraestruturas planificamos o traballo tanto coa información que nos fan chegar as veciñas e veciños dos barrios ", declarou Alexandre Penas, que engadiu "iso, xunto coas visitas que realizamos aos distintos barrios permítennos levar a cabo a planificación de traballo que realizamos por toda a cidade".

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre a accesibilidade peonil | Descargar mp3

Noticias relacionadas