Publicado no BOP o proxecto para eliminar o tapón urbanístico da Avenida da Coruña

A Alcaldesa informou aos grupos municipais de que o acondicionamento de aparcamentos disuasorios, o parking do HULA e a peonalización de Quiroga Ballesteros están en proceso de contratación

A exposición pública o paquete de vantaxes fiscais e a eliminación da débeda bancaria do Concello que o Goberno sacou adiante no último Pleno

Luns, 06 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns o proxecto para eliminar o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, co que se abre un período de 30 días naturais de exposición ao público e, unha vez concluído, sacar as obras a contratación. Deste xeito, cúmprense os prazos avanzados pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, co fin de que esta actuación fortemente demandada pola veciñanza que suporá mellorar a accesibilidade e a seguridade dunha das principais arterias de comunicación da cidade con gran afluencia de peóns e vehículos estea rematada entre finais deste ano e principios do que vén.

O proxecto de expropiación afecta a tres parcelas de 15 propietarios, que suman  unha superficie total de 172 metros cadrados e unha indemnización pola extinción dun valo publicitario.

Do estado deste proxecto, que conta cun orzamento de 102.000 euros, deu conta hoxe a Alcaldesa na xunta de voceiros mensual sobre as modificacións de crédito aprobadas polo Pleno en agosto. Méndez informou así mesmo de que tanto os aparcamentos disuasorios (350.000€), como o parking do HULA (119.000€) e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros (1,1M€) están en proceso de contratación.

En canto á peonalización do entorno da Praza da Milagrosa (220.000€), o Goberno está pendente de recibir o proxecto para tramitar despois a contratación.

A rexedora lembrou que a Xunta de Goberno aprobou a semana pasada a adxudicación da redacción dos cinco primeiros proxectos do programa europeo Muramiñae, da Muralla ao Miño (EDUSI): a reforma da Volta da Viña, pasarela peonil ao Anxo Carro, prolongación do paso subterráneo baixao a N-VI, posta en valor do patrimonio histórico e cultural do Carme e descontaminación e rehabilitación de solos contaminados neste barrio, obras que suman un investimento de 2,5M€. A partir de agora, a adxudicataria ten dúas semanas para realizar un estudo de viabilidade técnica e económica dos distintos proxectos.

Así mesmo, a instalación da rede de biomasa nas instalacións de Frigsa está en marcha e a reforma do soto da praza de abastos está rematada.

Vantaxes fiscais

Por outra banda, o BOP tamén publica este luns o paquete de vantaxes fiscais que o Goberno de Lara Méndez sacou adiante no último Pleno ordinario, encamiñadas a dinamizar o medio rural e contribuír á igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas máis desfavorecidos.  

As modificacións das ordenanzas consisten na bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario, medida que se suma á reducción dun 50%, xa en vigor, do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para os solicitantes de licenzas para este tipo de explotacións.

Cambia tamén a norma reguladora das taxas polas prestación do Servizo de Comida no Fogar co fin de eximir do copagamento a persoas en risco de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil, así como a ordenanza que regula o prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música, de maneira que será gratis a matrícula nas materias do Bloque D para o alumnado que xa superara os 6 anos de permanencia no centro na súa materia instrumental, e tamén para os que xa estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques.

Así mesmo, publícase o acordo para a modificación da ordenanza reguladora do IBI, co fin de eximir deste imposto á Xunta durante seis anos, a razón de 600.000 euros/ano, en cinco centros sanitarios: a  residencia das Gándaras, o HULA e os centros de Curros Enríquez, Fontelo e Fontiñas, co fin de afrontar o financiamento do novo auditorio.

Estas modificacións das ordenanzas acordadas polo Pleno estarán expostas ao púlbico por un prazo de 30 días.

Débeda cero

Tras a súa publicación tamén hoxe no Boletín Oficial da Provincia, tamén permanecerán expostos ao público os acordos do Pleno por iniciativa do Goberno para deixar a cero a débeda bancaria do Concello, amortizando os 4,3 millóns de euros que restaban.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o tapón urbanístico da Avenida da Coruña | Descargar mp3

Noticias relacionadas