Preto de 7.000 mozos e mozas participaron nas actividades do Tour do Talento en Lugo da man do Concello e a Fundación Princesa de Girona

Méndez destacou “a gran acollida desta programación” que se desenvolveu ao longo da semana pasada en diferentes localizacións emblemáticas da cidade lucense.

A rexedora mostrouse moi satisfeita “polo gran impacto acadado tanto a nivel de participantes, como a nivel de exposición de Lugo, coa participación do xefe do Estado”.

Durante seis días, celebráronse máis de 50 actividades centradas en potenciar a mellora da empregabilidade, as competencias profesionais, o awareness dixital e a educación.

Luns, 08 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 7.000 mozos e mozas participaron nas actividades do Tour do Talento en Lugo da man do Concello e a Fundación Princesa de Girona

Preto de 7.000 mozos e mozas lucenses participaron nas actividades do Tour do Talento en Lugo, organizadas polo Concello de Lugo e a Fundación Princesa de Girona. En concreto, foron 6.811 as persoas que se achegaron ás diferentes localizacións nas que tivo lugar o evento: o edificio Impulso Verde, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o Vello Cárcere, o auditorio municipal, a Casa da Xuventude, e a carpa instalada na Praza Horta do Seminario; superando a cidades con maior poboación como Zaragoza (5.500 participantes) e aproximándose á participación rexistrada en Valladolid (8.500 persoas).

Neste senso, Lara Méndez, destacou “a gran acollida da programación posta en marcha polo executivo municipal e a Fundación Princesa de Girona ao longo da semana pasada, con máis de 50 actividades, como conferencias, mesas redondas, visitas guiadas, exposicións, música, deporte ou teatro, que reuniron a milleiros de mozos e mozas en diferentes lugares da cidade”.

Así, a rexedora mostrouse moi satisfeita “polo gran impacto acadado tanto a nivel de participantes e  afluencia nas actividades, como a nivel de exposición mediática para o municipio de Lugo, reforzada coa participación do xefe do Estado, Felipe VI, no acto central do Tour”. “Con esta iniciativa contribuimos a destacar Lugo no mapa, sendo un punto de inflexión  para seguir retendo e atraendo o talento, especialmente dos mozos e mozas, xa que a xuventude é o mellor patrimonio que ten unha cidade”.

Así mismo, “cumprimos o noso gran obxectivo de poñer en valor e visibilizar o talento lucense, ao tempo que puxemos en contacto ás emprensas e emprendedores do municipio co estudantado para xerar novas oportunidades de traballo na cidade e, da man da USC, demos a coñecer a destacada oferta formativa do Campus Terra, que converte Lugo nunha cidade ideal non só para estudar, senón tamén para vivir”.

Finalmente, Méndez quixo agradecer a todas e cada unha das persoas, colectivos, entidades e institucións implicadas, que colaboraron na organización do Tour “a súa xenerosidade e apoio inestimable, contribuíndo de forma decisiva para que esta iniciativa resultara un éxito”.

Pola súa parte, o director xeral da Fundación Princesa de Girona, Salvador Tasqué, declarou que "estamos moi contentos desta cuarta etapa do Tour do Talento aquí en Lugo onde puidemos achegar aos mozos lucenses un conxunto de actividades para desenvolver o seu talento, desde conferencias, talleres, visitas a empresas, acompañados dunha enorme implicación do Concello en canto a actividades artísticas e culturais e onde tamén puxemos o deporte no centro da axenda, a través desta ecuación talento, onde distintos deportistas e adestradores mostraron aos mozos como transferir os valores do deporte de alto rendemento a outras áreas da vida. Por tanto, estamos moi agradecidos por como se envorcou Lugo durante toda a semana e no acto principal do venres con S.M o Rey, ao redor da proclamación do Premio de Investigación Científica".

Balance do Tour en Lugo

Preto de 7.000 mozos e mozas asistiron ás actividades desenvolvidas durante a semana do Tour do Talento Lugo 2023, dos que 3700 participaron nas actividades lectivas e 3100 nas de lecer e deporte. Este evento foi organizado pola Fundación Princesa de Xirona con TRIVU como aliado estratéxico e coa colaboración do Concello de Lugo, Fundación Vertex Bioenergy e Norvento Enerxía.

Durante seis días, celebráronse máis de 50 actividades centradas en potenciar a mellora da empregabilidade, os traballos do futuro, as competencias profesionais máis demandadas polas empresas, o awareness dixital e a educación. Pero, sobre todo e de maneira transversal, o Circuíto de Lugo puxo en valor unha programación de lecer e deporte para o benestar emocional, a saúde mental e o desenvolvemento profesional e persoal dos mozos.

Programación cultural, tecnolóxica, deportiva e educativa

Durante a semana, gran parte das actividades centráronse en xornadas de encontro entre alumnos de educación secundaria e as diferentes escolas e facultades que compoñen o Campus de Lugo, co obxectivo de que o alumnado explorase posibles vías na súa carreira formativa. Visitas guiadas sobre emprego e sustentabilidade, así como talleres e mesas redondas de artistas pecharon as actividades centradas neste obxectivo.

Os valores do deporte para o desenvolvemento profesional e persoal dos mozos e o benestar emocional foron fío condutor de gran parte das actividades desta semana do talento, a través de conferencias como “Ecuación Talento: equipos de alto rendemento” onde xogadores, adestradores e profesionais de empresas dialogaron sobre os valores do deporte. Ademais dunha ampla oferta de actividades de lecer enfocadas en actividades deportivas como o campionato 3 x 3 ou o XXI Circuito Larsa Corre con Nós.

Baixo o nome de CódGo!, realizáronse charlas inspiradoras e formacións básicas e avanzadas co obxectivo de lograr que os mozos e mozas vexan a tecnoloxía como algo atractivo e accesible, sen importar o nivel que teñan nesta materia. Este proxecto desenvolveuse en colaboración con Fundación Banco Sabadell, que pon de manifesto así a súa aposta pola excelencia, a creatividade e a innovación, con especial interese no impulso ao talento novo.

Lugo pechou así, unha semana de actividades destinadas á mellora da empregabilidade, á aprendizaxe de novas competencias, ao reto da transformación dixital e ao desenvolvemento tecnolóxico, ou -como non podería ser doutra maneira nesta cidade- para promover os valores do deporte como método para o benestar emocional, a saúde mental e o desenvolvemento profesional e persoal.

Noticias relacionadas