Xuventude organiza un campionato de carreiras virtuais de condución con 800 euros en premios, a través da programación do +Xti

As inscricións, totalmente de balde, estarán abertas do 6 de maio ao 4 de xuño. O torneo terá lugar os días 14, 15, 21 e 22 de xuño na Casa da Xuventude.

Xoves, 02 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude organiza un campionato de carreiras virtuais de condución con 800 euros en premios, a través da programación do +Xti

A Área de Xuventude, que dirixe o edil Jorge Bustos, organiza un campionato de carreiras virtuais de condución con 800 euros en premios para a mocidade lucense, a partir de 14 anos. Esta actividade enmárcase dentro do programa +xTi, programa cofinaciado, polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad e o Concello de Lugo.

“Poñemos en marcha esta iniciativa co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio atractivas e saudables aos mozos e mozas lucenses e contribuír, deste xeito, a evitar conductas ou hábitos perigosos no seu tempo libre como a inxesta de alcohol ou outras substancias”, explicou Bustos.

O torneo terá lugar na Casa da Xuventude o venres 14 de xuño, das 16:30 ás 21:30 horas; o sábado, 15 de xuño, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas; o venres 21 de xuño, de 16:30 a 21:30 horas; e o sábado 22 de xuño, día no que se disputarán as finais do campionato, das 11:00 ás 14:00 horas e das 16:30 ás 20:30 horas.

As inscricións, totalmente de balde, estarán abertas do 6 de maio ao 4 de xuño e as prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes. Para anotarse deberán formarse grupos de 5 persoas, integrados como mínimo por unha muller. Cada grupo deberá enviar o nome do colectivo e os datos dos seus membros ao email: simmaisxti@gmail.com

O primeiro equipo clasificado recibirá un premio de 450 euros; o segundo 250 euros e o terceiro e cuarto clasificado terán un premio de 50 euros. A competición realizarase a través dun simulador de rallyes e circuítos.

Noticias relacionadas