Presentadas 9 propostas ao concurso de ideas para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros

O xurado reunirase mañá no Vello Cárcere para valorar as candidaturas. O equipo gañador redactará os proxectos de peonalización, para o cal terá un prazo de 20 días naturais, e de instalación da cuberta, cuxo prazo será de tres meses

Xoves, 30 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou este xoves que foron rexistradas 9 propostas para o concurso de ideas que convocou o Concello para o deseño da humanización da rúa Quiroga Ballesteros, tanto a peonalización como a cuberta. O importante número de proxectos presentados demostra que se trata dunha iniciativa interesante e atractiva para os sectores profesionais aos que implica, indicou a rexedora.

O prazo para presentar as candidatura rematou hoxe, ás 14:00 horas, e, tal e como estaba previsto, o xurado reunirase mañá mesmo, a partir das 11.15 horas no Vello Cárcere, para valoralas. Estará composto pola Alcaldesa; o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas; un arquitecto de Patrimonio da Xunta e un proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; un arquitecto técnico; un enxeñeiro de camiños, canais e portos proposto polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia; un representante dos comerciantes da rúa Quiroga Ballesteros; un representante das asociacións de Lugo que traballan pola accesibilidade; e un enxeñeiro técnico agrícola, un arquitecto e un enxeñeiro do Concello.

O equipo que resulte gañador do concurso de ideas será proposto como adxudicatario do contrato de redacción dos proxectos de peonalización de Quiroga Ballesteros, para o cal terá un prazo de 20 días naturais, e de instalación da cuberta, cuxo prazo será de tres meses. O equipo redactor deberá ser multidisciplinar, pois do mesmo deberán formar parte necesariamente un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un enxeñeiro técnico agrícola  e un aparellador.

Modelo de cidade

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, “unha cidade máis humana, accesible, cómoda, sostible, con máis espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades comerciais e de lecer”, segundo subliñou a Alcaldesa.

O concurso de ideas, dotado con 21.300 euros, inclúe o deseño e elaboración tanto da proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, como da cuberta, para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles, pois nunha primeira fase acometeranse as obras de peonalización, cun orzamento de 1,1M€, e nunha segunda, as da instalación da cuberta, que como máximo terán un custe de 400.000€.

O ámbito de actuación abrangue a rúa Quiroga Ballesteros, dende Bolaño Rivadeneira ata a Praza de Santo Domingo, e o fronte do edificio da praza de abastos, incluído o calexón do Mercado Municipal Quiroga Ballesteros.

En canto á parte da peonalización, no concurso de ideas pídese a previsión de arborado, zonas verdes, mobiliario urbano e espazos para que se poidan autorizar terrazas aos establecementos de hostalería, así como a reserva de a lo menos un itinerario peonil accesible, e a entrada e saída de peóns de portais e locais comerciais.

Á hora de licitar e executar a peonalización incluiranse, en función do recollido no concurso de ideas, os elementos da cuberta que deban quedar soterrados co fin de non ter que demoler pavimentos cando se leve a cabo a estrutura, pois esta non deberá ter ningún elemento de suxección nas fachadas dos edificios. A cuberta protexerá tanto da choiva coma do sol, e permitirá o paso da luz natural.

O proxecto levará consigo tamén a renovación das redes de abastecemento e saneamento, e o soterramento da instalación de alumeado público e de todo o cableado por fachada de todas as compañías subministradoras. Esta parte foi redactada xa polo servizo municipal de Enxeñería, e será incorporada á proposta de humanización gañadora mediante a redacción do correspondente proxecto refundido.

Noticias relacionadas