Os participantes nos cursos de formación do Programa Acceder organizado polo Concello e a Fundación Secretariado Xitano recibiron hoxe os seus diplomas

Venres, 30 de novembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Benestar Social organiza un curso de integración para inmigrantes

O Alcalde, José López Orozco; a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, e o Coordinador provincial da Fundación Secretariado Xitano, Manuel Requeixo, entregaron hoxe os diplomas ós participantes nos cursos de formación do Programa Acceder que organizan o Concello e o Secretariado Xitano.

O Alcalde  destacou que o Goberno local apoia iniciativas como esta porque "confiamos en que é posible a integración dende a diversidade" e anunciou que o Concello seguirá a manter esta colaboración na medida das súas posibilidades.

Tamén destacou López Orozco que coa súa participación nestes cursos, os alumnos demostraron que “as persoas de etnia xitana teñen interese en formarse e en integrarse na sociedade“.

Referiuse ó alto porcentaxe de mulleres participantes neste programa e sinalou, neste sentido, o importante papel que xogan as mulleres para a transformación da sociedade.

Ademais, o Alcalde animou ós alumnos a seguir esforzándose para lograr a plena integración na sociedade mediante o acceso ó mundo laboral, aínda que recoñeceu que estamos a vivir tempos difíciles pola situación da economía e as altas taxas de desemprego.

López Orozco tamén agradeceu a colaboración das empresas que colaboran neste programa ofrecendo a realización de prácticas laborais para completar a formación dos alumnos destes cursos.

Este ano o Concello adicou 38.000 euros á organización dos 8 cursos de formación do Programa Acceder. Os cursos trataron sobre competencias clave, atención ó cliente-teleoperador/a, alfabetización de persoas adultas, operacións de mantemento de xardíns, auxiliar de comercio e acompañante de transporte escolar. Neles participaron 76 alumnos, das que 63 foron mulleres e 70 persoas de etnia xitana, parte das cales tiveron ocasión de facer prácticas laborais nas empresas que colaboran neste Programa: Kiabi, Sprinter, Nortempo e Balidea.

Aberto o prazo para un curso dirixido a inmigrantes

A Concelleira de Benestar Social tamén anunciou a convocatoria dun curso de integración dirixido a persoas inmigrantes, que se impartirá entre os meses de xaneiro e xuño no Centro de Convivencia da Milagrosa. O prazo de inscrición xa está aberto.

O curso comezará o 8 de xaneiro e rematará o 4 de xuño. Ten unha duración de 60 horas e impartirase os martes e xoves en horario de 19.30 a 21.00 horas.

Este curso de integración diríxese a persoas inmigrantes extracomunitarias e daralles ós participantes a posibilidade de obter un informe positivo de esforzo de integración emitido pola Xunta de Galicia.

Os contidos son os previstos no regulamento de estranxeiría e consisten en coñecemento e respecto dos valores constitucionais en España, valores estatutarios da comunidade autónoma de Galicia, valores da Unión Europea, dereitos humanos, liberdades públicas, a democracia, a tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e coñecemento das linguas oficiais da nosa Comunidade Autónoma.

Multimedia

Noticias relacionadas