O Plan Conserva Lugo 2016 do Concello posibilitou a reparación e repintado de 218 bancos de distintas avenidas, prazas e rúas da cidade

Con este programa, a entidade local pretende facilitar a inserción de persoas desempregadas do municipio, ao mesmo tempo que contribúe á conservación e mellora dos espazos públicos

Luns, 20 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Plan Conserva Lugo 2016 do Concello posibilitou a reparación e repintado de 218 bancos, dende setembro do pasado ano. A primeira das prazas na que actuaron os traballadores beneficiarios desta iniciativa foi a da Milagrosa, onde, tras repoñer as partes deterioradas deste mobiliario urbano, procederon ao seu pulido e posterior vernizado.

Os bancos adecentados distribúense por unha grande cantidade de avenidas, rúas e prazas de toda a cidade, como a Avenida da Coruña (32 bancos), rúa Menorca e Angelo Colocci (13 bancos en cada unha das localizacións) ou Praza da Milagrosa (16 bancos). Ademais tamén se actuou nos da rúa San Lourenzao, Poeta Manuel María, Santo Grial, Vázquez Queijo, rúa do Hórreo, Alexandre Bóveda, Mondoñedo, Río Navia, Alcalde Ramiro Rueda ou Río Cabe, entre outros.

O Conserva Lugo 2016 contemplaba a contratación de 20 desempregados en situación de risco ou exclusión, perceptores da Renda Básica de Integración Social de Galicia (RISGA), cunha duración de sete meses a media xornada, para o que foron contratados 16 peóns, 3 oficiais e 1 encargado.

Son varias as Concellerías que dispoñen deste persoal contratado a través deste programa, que pretende facilitar a inserción de persoas desempregadas do municipio, prioridade do Concello, e ao mesmo tempo, contribuír á conservación e mellora dos espazos públicos.

Ademais da reparación de bancos, o pasado ano, o equipo de traballadores contratado grazas a este programa, realizou tarefas de desbroce en diferentes puntos da cidade, como a Avenida Duquesa de Lugo, o acceso ao Complexo Deportivo O Palomar, a zona de xogos infantís do Polígono das Gándaras, as rúas Pombal, Catasol, Conexeira, Cornubia, Alcalde Xosé Novo Freire, dos Carros e a avenida de Magoi.Durante este ano o equipo de desbroce xa repasou a roza da Avenida Duquesa de Lugo e da rúa Pombal. Na actualidade están a colaborar nas tarefas de recollida da poda do arboredo situado no Polígono do Ceao.

Noticias relacionadas