O Parque Infantil de Tráfico do Concello mantén un verán máis os seus cursos didácticos de apoio á educación viaria dos máis cativos

Manuel Núñez, José Reigosa e Paula Yubero presentaron a nova edición destas actiivdades, que terán lugar do 3 ao 28 de xullo. Estableceranse 7 quendas en función da idade

Os interesados poden inscribirse do 5 ao 20 de xuño, de 09:00 a 13:30 horas, no PIT ou na Xefatura Provincial de Tráfico. A lista de admitidos publicarase o 28 de xuño

Xoves, 01 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Parque Infantil de Tráfico do Concello mantén un verán máis os seus cursos didácticos de apoio á educación viaria dos máis cativos

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, un dos monitores do Parque Infantil de Tráfico, Jesús López, e a a Xefa de Tráfico de Lugo, Paula Yubero, presentaron este xoves, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, unha nova edición dos cursos de verán de educación viaria, que terán lugar do 3 ao 28 de xullo nas instalacións do Parque Infantil de Tráfico.

Trátase duns cursos organizados pola entidade local, xunto á Dirección Xeral de Tráfico, dirixidos a uns 200 nenos e nenas entre os 8 e 14 anos, que busca que os máis pequenos adquiran condutas e comportamentos seguros, tanto como peóns como usuarios do transporte público e privado. Así mesmo aprenderán hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, situacións de tráfico reais, e a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos e do uso do chaleco reflector, o casco ou o cinturón de seguridade, entre outros.

Núñez, López e Yubero coincidiron en chamar á participación nestas actividades polas que aposta un ano máis o Goberno de Lugo, por mor da importancia para introducir no ámbito educativo o concepto de seguridade viaria ao tempo que os máis cativos coñecen os bos hábitos na vía pública.

A inscrición

Todos as persoas interesadas poderán inscribirse do 5 ao 20 de xuño, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:00 a 13:30 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de admitidos publicarase o 28 de xuño no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é totalmente gratuíta.

7 quendas en función da idade

Estableceranse 7 quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro, un segundo e un terceiro turno para nenos e enas de 8 a 9 anos, e un cuarto e quinto para os pequenos e pequenas de 10 e 11 anos, do 10 ao 14 de xullo e do 17 ao 21 de xullo. Ademais, do 24 ao 31 de xullo haberá un turno para os rapaces de 12, 13 e 14 anos, así como do 17 ao 28 para os que poden empregar ciclomotor.

As actividades desenvolveranse en horario de mañá, de 10:30 a 13:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 20:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida que será asignada previamente, recibindo formación teórica e práctica.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

Audio

Noticias relacionadas